Inicio Galicia A Xunta dá un pulo definitivo a unha Galicia máis verde con...

A Xunta dá un pulo definitivo a unha Galicia máis verde con dúas novas ferramentas: a Lei de residuos e a Estratexia de economía circular

0

Feijóo asevera que coa Lei de residuos, Galicia sitúase á cabeza das comunidades en integrar o contido da directiva en materia de plásticos ao fixar mecanismos para loitar contra o plástico dun só uso e contra o desperdicio alimentario


O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe na rolda de prensa de Consello que a Xunta vén de dar un pulo definitivo á aposta por unha Galicia máis verde con dúas novas ferramentas: a Lei de residuos e a Estratexia de economía circular.

Nun primeiro termo, Feijóo aseverou que coa Lei de residuos, Galicia sitúase á cabeza das comunidades en integrar na súa normativa o contido da directiva en materia de plásticos ao fixar mecanismos para loitar contra o plástico dun só uso e contra o desperdicio alimentario. “Apostamos incluso, nalgúns aspectos, por obxectivos máis ambiciosos que a normativa europea”, dixo, referíndose ao incremento progresivo da cantidade de residuos domésticos e comerciais destinados á preparación para a reutilización ou reciclaxe e que, no seu conxunto, en 2020 deberán acadar un 55%; e á reciclaxe de residuos de envases coa previsión de que en 2025 se recicle o 65% do peso de todos os envases e o 70% en 2030.

Entre outras moitas medidas, e a modo de exemplo, o titular da Xunta salientou que a nova norma obriga aos servizos de restauración a entregar as fraccións sobrantes de comida non consumida aos clientes en recipientes que non sexan dun só uso, ademais de prohibir a entrega gratuíta de bolsas de plástico e a venda de vaixelas de plástico dun só uso.

Nesta mesma liña, o titular da Xunta avanzou unha dotación de 25 millóns de euros para a construción de 3 novas plantas públicas para biorresiduos domésticos, e precisou que os concellos deberán instaurar a recollida separada dos biorresiduos municipais a finais de 2023, e en 2024 a recollida de residuos téxtiles e residuos perigosos de orixe doméstica.

Como proba do compromiso cunha Galicia máis verde, Feijóo recordou que a Administración autonómica puxo en marcha, por exemplo, a reforma de San Caetano: con máis de 1.100 fiestras illadas con madeira de castiñeiro, cunha nova envolvente térmica e cunha nova iluminación led.

Neste sentido, recordou o compromiso de converternos na primeira administración 100% sustentable. Para logralo, destacou a aposta por medidas como: o uso de áridos reciclados na construción de infraestruturas; o emprego de solos artificiais para os equipamentos infantís que reforme ou constrúa a Xunta; o uso prioritario de materiais de oficina de orixe reciclado; o fomento do uso e instalación de fontes de auga en detrimento das botellas de plástico; a recollida separada dos residuos; e o impulso do emprego de enerxías limpas.

O presidente do Executivo autonómico concluíu resaltando que a Estratexia de cambio climático e enerxía, a Lei de residuos e a Estratexia de economía circular son tres instrumentos que converten a Galicia “nunha das rexións da Unión Europea máis avanzadas”; “desde logo, desde o punto de vista legal, incontestablemente”, dixo.“Está moi ben falar de clima, pero hai que concretar as propostas e as respostas, e sobre todo hai que lexislar; porque falar é fácil, pero lexislar, aprobar, concretar, periodificar e planificar require moito traballo, non improvisado, senón durante os últimos anos”, abundou.

Pola súa banda, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, destacou que a aprobación por parte do Consello do proxecto de Lei de residuos e da Estratexia de economía circular sitúan a Galicia na vangarda das rexións que se afastan do modelo baseado no trinomio extraer, usar e tirar, e avanza cara á economía circular, fornecedora de emprego verde.

Nesta liña, salientou que a sociedade galega ten hoxe ferramentas ao seu alcance para facer fronte a dous grandes retos a nivel global, como son a loita contra o plástico dun só uso e reducir o desperdicio alimentario.Ángeles Vázquez, a modo de conclusión, recordou que dous meses antes o Goberno galego tamén presentou a Estratexia galega de cambio climático e enerxía, polo que os tres documentos pechan o círculo para potenciar a xestión dos residuos, priorizando a prevención, a preparación para a reutilización e a reciclaxe.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre