Inicio Galicia A Xunta dá un novo pulo á mellora das infraestruturas sanitarias coa...

A Xunta dá un novo pulo á mellora das infraestruturas sanitarias coa ampliación da área de urxencias do CHUS e a axilización das obras do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense

0

Feijóo destaca que en Ourense se investirán 48 M€ para construír un novo edificio de hospitalización; reformar o Hospital materno infantil; e, por último, facer os nodos de conexión entre estes edificios e o edificio Cristal

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe na rolda de prensa do Consello un novo pulo na mellora das infraestruturas sanitarias coa contratación da ampliación da área de urxencias do Hospital Clínico Universitario de Santiago e a tramitación para axilizar as obras do plan director do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.

No tocante ao CHUS, Feijóo subliñou que esta ampliación, na que se investirán 1,3 millóns de euros, consistirá nunha construción de 655 metros cadrados para prolongar a área de urxencias, ante a necesidade de adecuar os servizos por mor da pandemia.

En concreto, crearase unha sala de observación con 40 camas, ademais de contar tamén cun control, unha zona de farmacia-preparación, almacén e aseos para os doentes, así como áreas de limpo e sucio e zonas de descanso para persoal.

Así mesmo, construirase unha área de apoio, que terá unha sala de traballo médico, aseos e vestiarios para o persoal e un almacén xeral. E o prazo previsto de execución das obras é de 3 meses.

Sobre o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, unha vez finalizadas as obras da Fase I, analizáronse as necesidades actuais e aprobouse unha reprogramación do plan director do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense. Feijóo indicou que isto permitirá axilizar o plan de obras do Hospital Público de Ourense, cun investimento de 48 M€, que abrangue tres actuacións: construír un novo edificio de hospitalización (cunha superficie de 14.540 metros); reformar o Hospital materno infantil (15.600 metros cadrados); e, por último, facer os nodos de conexión entre estes edificios e o edificio Cristal.

O presidente da Xunta explicou que para poder acometer estas obras á maior brevidade posible, Sanidade tramitará urbanisticamente a Fase I da reprogramación do plan director, de acordo aos mecanismos previstos na Lei de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou de excepcional interese público.

Esta situación prodúcese pola imposibilidade de obter unha licencia de xeito ordinario, dada a situación actual do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Ourense.

Preto de 19 millóns para mercar material de protección fronte á covid-19Tamén no eido sanitario, Feijóo resaltou a contratación polo trámite de emerxencia de diversos materiais de protección destinados a profesionais e doentes; así como de test de detección da covid-19 para seguir estando preparado ante posibles brotes.

Por un importe de case 19 millóns euros, Feijóo precisou que este orzamento destinarase á adquisición de: máis de 16.500.000 máscaras cirúrxicas; 46.200.000 luvas de exame de nitrilo e vinilo; unhas 1.300.000 batas protectoras dun só uso; unhas 125.000 máscaras FFP2/FFP3; 20.000 batas reutilizables; 3.900 kits de detección do virus; e 10.000 pantallas de protección facial.

Así mesmo, aprobouse a adquisición por vía de urxencia de equipamento para a área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras para seguir facendo fronte á pandemia. Entre este material atópanse: carros de curas, carros de medicación, frigoríficos de conservación de mostras e reactivos, colchóns antiescaras, unha grúa de mobilización e adquisición de medicamentos, entre outros.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre