Inicio Galicia A Xunta dá pulo á economía social para avanzar nun modelo económico...

A Xunta dá pulo á economía social para avanzar nun modelo económico e empresarial máis comprometido coa sociedade

0
image_gallery.jpg

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, reuniuse hoxe co Foro pola Economía Social Galega para apoiar a súa visibilidade e sentar as bases da súa colaboración en 2021


A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, reuniuse hoxe con Celso Gándara, presidente do Foro de Economía Social Galega, para apoiar este modelo de desenvolvemento económico, baseado no cooperativismo que, a xuízo da conselleira, será decisivo cara á reactivación económica nos próximos meses.

O encontro insírese na serie de contactos que a Consellería ven mantendo nas últimas semanas cos principais axentes sociais e económicos da Comunidade co obxectivo, neste caso concreto, de reforzar a coordinación entre a Xunta o Foro de Economía Social Galega, cara a fortalecer un modelo económico e empresarial máis comprometido coa sociedade e co cooperativismo.

Para Lorenzana, as entidades da economía social teñen un papel decisivo como motor da reactivación económica e formar parte do ADN de Galicia, polo importante compromiso que manteñen coas persoas e co emprego inclusivo, e por ter demostrado tradicionalmente grande resiliencia ante os cambios.

A Consellería acompañou ao Foro no seu nacemento -constituíuse como asociación o pasado febreiro- e, na xuntanza de hoxe, comprometeuse a manter as liñas de colaboración con esta entidade nos orzamentos do próximo ano.

A Xunta ademais comparte obxectivos comúns co Foro no marco da Estratexia Galega de Economía Social 2019-2021, que busca crear novas oportunidades de negocio e de actividade económica en empresas que están enfocadas ás persoas e que contan cunha maior cohesión territorial e social. Entre outros, ambas as dúas buscar facer máis visible a economía social e representar os seus intereses ante os principais axentes económicos e da vida pública e promover actividades de colaboración, plans locais de economía social e oportunidades sectoriais.

En 2019 Galicia foi designada como rexión amiga da economía social pola Comisión Europea. No marco da estratexia para este sector, a Xunta pretende que as entidades de economía social poidan ser un 10% máis e xeren un 20% máis de emprego ata finais de 2021. Tamén se traballa para potenciar a presenza feminina nas cooperativas, sociedades laborais, centros especiais de emprego e empresas de inserción laboral que conforman a economía social.

Entidades representativas da economía socialO Foro pola Economía Social Galega busca dar visibilidade a este modelo empresarial ante a sociedade e os principais axentes económicos, representando os seus intereses ante as diferentes institucións políticas, económicas e sociais, e xerando as condicións adecuadas para o desenvolvemento das súas entidades.

Está conformado polas cinco entidades máis representativas da economía social na Comunidade: Unión de Cooperativas de Galicia (Espazo coop), Asociación de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca), Asociación Galega de Centros Especiais de Emprego (Cegasal), Agrupación de Sociedades Laborais de Galicia (Aesgal) e Asociación de Empresas de Inserción de Galicia (Aeiga). Entre todas elas agrupan 371 organizacións, facturan máis de 1.616 millóns anuais e ofrecen emprego directo a 9.276 persoas. Nas próximas semanas a conselleira de Emprego e Igualdade completará a rolda de contactos con todas elas para coñecer das súas demandas e necesidades específicas.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre