Inicio Galicia A Xunta dá inicio ás Catas dos Viños, Augardentes e Licores Tradicionais...

A Xunta dá inicio ás Catas dos Viños, Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia

0
image_gallery.jpg

Ata o venres 30 vanse catar arredor de 400 mostras procedentes dunhas 150 adegas das cinco denominacións de orixe vitivinícolas e outra vintena amparadas polas indicacións xeográficas das augardentes e licores tradicionais


O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, abriu esta mañá formalmente as Catas dos Viños, Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia 2020, que se desenvolverán ata o vindeiro venres no no hotel A Quinta da Auga, en Santiago de Compostela. Cabarcos saudou e agradeceu o labor da vintena de expertos que integran o panel de cata e que valorarán, en catas totalmente a cegas, máis de 400 mostras que foron recollidas nos últimos días por persoal da Agacal, dependente da Consellería do Medio Rural.

Este ano inscribíronse, para optar ás catas, un total de 267 mostras de viño branco e 141 de tinto, procedentes de 155 adegas das cinco denominacións de orixe vitivinícolas. Así mesmo, rexistráronse un total de 25 mostras amparadas polas indicacións xeográficas das augardentes e licores tradicionais da nosa comunidade. Neste caso, oito eran de augardente de Galicia, sete de licor de herbas, sete de licor café, dúas de augardente de herbas e unha de augardente envellecida.

No que atinxe aos viños, entre os días 6 e 21 deste mes de outubro, o persoal da Consellería do Medio Rural recolleu e identificou as botellas participantes nas súas respectivas adegas, co apoio dos responsables de cada selo de calidade. Para garantir que as catas sexan a cegas, todas elas se envolveron en material opaco e introducíronse posteriormente nunha caixa selada. Así, só queda visible o nome da categoría na que participa -espumoso, colleiteiro e pequenas adegas, colleitas anteriores, licor café etc.-, así como o tipo de viño -tinto ou branco-.

Con respecto ás augardentes e os licores tradicionais, recolléronse as mostras en envases idénticos de 3/8 de litro, dada a gran diversidade de botellas utilizadas na comercialización deste tipo de bebidas. Deste xeito, tamén resulta imposible recoñecelos e identificalos, asegurando a máxima rigorosidade e anonimato.

En relación cos paneis de cata, o de viños está formado por 14 profesionais, mentres o de augardentes o forman un total de sete expertos. En todo momento, garantirase o rigoroso mantemento das condicións hixiénico-sanitarias precisas por mor da covid-19, preservando a máxima seguridade do persoal que intervén no transcurso desta cata-concurso.

Carácter únicoA través destas catas, a Consellería do Medio Rural recalca a importancia de promocionar, identificar e premiar os mellores viños, augardentes e licores galegos -elaborados fundamentalmente con uvas de variedades autóctonas- como uns produtos dotados dun carácter único e dunha personalidade recoñecible dentro e fóra da nosa comunidade.

Así, a organización outorgará un premio (trofeo e diploma) para o Mellor Viño Branco e outro para o Mellor Viño Tinto de Galicia, elixido entre os brancos e tintos mellor puntuados de cada denominación de orixe. Ademais, para cada denominación outorgaranse ata tres premios (Acio de Ouro, Prata ou Bronce) aos tres viños mellor valorados, así como aos Viños da Terra, colleiteiros, colleitas anteriores, madeira, espumosos e tostados (o número de premios por categoría sempre será en función do número de mostras participantes).

No que se refire ás augardentes cataranse este ano tres categorías: Augardente de Galicia, Licor de Herbas de Galicia e Licor Café de Galicia, que recibirán o Pote de Ouro, Prata ou Bronce, segundo a valoración das mostras.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre