Inicio Galicia A Xunta dá continuidade ao acordo coa Axencia Española de Cooperación Internacional...

A Xunta dá continuidade ao acordo coa Axencia Española de Cooperación Internacional para o desenvolvemento para actuacións conxuntas en acción humanitaria

0
image_gallery.jpg

Trátase dun convenio multilateral, que tamén será asinado polas comunidades de Asturias, Cantabria, A Rioxa, Murcia, Comunidade Valenciana, Canarias, Extremadura, Baleares, Comunidade de Madrid e Castela León e pola FEMP


A Xunta dará continuidade ao acordo de colaboración entre o Goberno galego e a Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID), para a programación conxunta de actuacións en materia de acción humanitaria. O Goberno galego mantén así a colaboración entre esta organización e a cooperación descentralizada que se prorrogou o ano pasado e neste exercicio volve a renovarse.

Trátase dun convenio multilateral que, ademais de Galicia, tamén está asinado polas comunidades autónomas de Asturias, Cantabria, A Rioxa, Murcia, Comunidade Valenciana, Canarias, Extremadura, Baleares, Comunidade de Madrid e Castela e León, así como a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). O acordo está dotado con 1,6 millóns de euros, dos que AECID aportará 1 millón de euros e cada unha das comunidades adheridas achegará 50.000 euros, a excepción de A Rioxa, que destinará 100.000 euros.

O obxectivo deste convenio é levar a cabo actuacións e proxectos en materia de acción humanitaria e de emerxencias en países con poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano, regulando a colaboración das partes, así como as finalidades concretas de dita colaboración e os compromisos financeiros asumidos polas mesmas.

Deste xeito, 500.000 euros da dotación orzamentaria destinarase ao Comité Internacional da Cruz Vermella para dar resposta á covid-19 no sector da saúde de Venezuela. Tamén se achegarán outros 500.000 euros ao Programa Mundial de Alimentos (PMA) das Nacións Unidas, para proporcionar seguridade alimentaria e apoio para frear o avance da pandemia do coronavirus entre as persoas refuxiadas nos campamentos alxerinos de Tinduf.

Por outra parte, apoiarase outro proxecto de ONU Mulleres en Mali dirixido á protección das mulleres e nenas nas rexións de Mopti e Gao e unha iniciativa que o PMA en Nixeria levará a cabo para mellorar a seguridade alimentaria dos fogares afectados polo conflito no estado do Borno. Cada un destes dous proxectos contará cunha achega de 300.000 euros.

Plan Anual de Cooperación GalegaO convenio con AECID enmárcase no Plan Anual 2020 para a Cooperación Galega, que conta cunha dotación orzamentaria de 6,6 millóns de euros para este ano, un millón máis que a dotación de 2019. Este programa englobase, á súa vez, no IV Plan Director da Cooperación Galega 2018-2021. Ademais deste acordo, xa se teñen publicado no ámbito da atención humanitaria outros con organizacións como Farmamundi, a Asociación España con Acnur, UNRWA España, UNICEF Comité Español ou SOGAPS para levar a cabo programas de emerxencia alimentaria e, sobre todo, para previr o avance da covid-19 entre as poboacións máis desfavorecidas.

No que vai de ano, xa se publicaron tamén as convocatorias de axudas que tradicionalmente xestiona a Cooperación Galega como son as de proxectos no exterior con ONGD e outros axentes de cooperación cunha achega de máis de 1,8 millóns para financiar 26 proxectos; aos que se engaden 300.000 euros para financiar 6 programas de acción humanitaria.

Ademais, convocáronse as subvencións para proxectos de Educación para o Desenvolvemento e Cidadanía Global, cunha dotación de 500.000 euros; prorrogáronse ata 2021 as bolsas de formación de expertos de cooperación internacional para o desenvolvemento; e asinouse o convenio coa Coordinadora Galega de ONG para apoiar ao sector das ONG con 100.000 euros. Un ano máis, tamén se dou continuidade á liña de transferencia tecnolóxica para a mellora da diversificación produtiva do sector acuícola e pesqueiro mediante un novo convenio con Anfaco-Cecopesca.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre