Inicio Galicia A Xunta dá a coñecer os 40 creadores emerxentes que participan en...

A Xunta dá a coñecer os 40 creadores emerxentes que participan en agosto no Gaiás no ?Encontro de Artistas Novos?

0

Presentarán o seu proxecto creativo durante unha residencia artística na Cidade da Cultura, optando ademais a realizar unha intervención nas Torres Hejduk

A Cidade da Cultura deu a coñecer hoxe os nomes dos 40 creadores emerxentes que foron seleccionados para participar no seu IX Encontro de Artistas Novos #EAN9. Nesta residencia artística no Gaiás –que terá lugar entre o 25 e o 29 de agosto– poderán dar a coñecer o seu proxecto creativo, así como intercambiar experiencias profesionais con outros artistas emerxentes e consolidados, comisarios ou prensa especializada.

Impulsado pola Xunta, a través da Fundación Cidade da Cultura, e coa colaboración da Fundación Banco Sabadell, o EAN promove a creación contemporánea e o intercambio de coñecemento consolidándose ano a ano como un dos principais foros de apoio a artistas emerxentes. Nas pasadas oito edicións presentaron os seus traballos no EAN preto de 600 creadores, entre eles recoñecidas figuras como Jorge Perianes, Lois Patiño ou Nuria Güell, que naquel momento comezaban a abrirse paso no mundo da arte.

O xurado do #EAN9, dirixido por Rafael Doctor, destacou a elevada calidade e variedade dos proxectos presentados nesta novena edición. A selección final de participantes –a metade dos cales proceden de Galicia– pode consultarse xa no web www.cidadedacultura.gal. Tal e como se indica nas bases, as persoas candidatas deberán confirmar a súa praza antes do 25 de xullo.

Foro de creación contemporáneaO programa do IX Encontro de Artistas Novos Cidade da Cultura incluirá o xa clásico Foro Aberto, no que os e as 40 participantes realizarán unha presentación pública centrada no seu traballo e proxecto creativo persoal, servindo de plataforma e escaparate das súas creacións.

Ademais terán a oportunidade de entrar en contacto con outras traxectorias e procesos de produción artística a través dunha serie de conferencias impartidas por creadores de recoñecido prestixio.

Así, nesta edición participarán a artista visual Pilar Albarracín (Sevilla, 1968), coñecida polas súas performances, vídeo-arte, debuxos, fotografía e instalacións interactivas; as fotógrafas e fotoxornalistas galegas Lua Ribeira (As Pontes, 1986) –que en 2018 entrou na Axencia Magnum como membro nominado– e Bandía Ribeira (As Pontes, 1980) –participando na actualidade nun proxecto visual sobre a produción intensiva de vexetais nos invernadoiros de Almería–; e o comisario e artista audiovisual Nicolás Combarro (A Coruña, 1979), director, entre outras, da premiada longametraxe documental Alberto García-Alix. La línea de sombra. Súmanse así á longa lista de artistas que participaron no EAN como relatores, e que inclúe nomes da relevancia de Berta Cáccamo, Menchu Lamas, Din Matamoro, Fernando Sánchez Castillo, Enrique Marty, Ramón Balsa, Daniel Canogar ou Sandra Gamarra.

Titorías con art followersOs participantes convivirán tamén con Javier Díaz-Guardiola, Eduardo Valiña e Semíramis González, no papel de observadores ou art followers. Tres nomes de recoñecida traxectoria que, desde o seu traballo no eido curatorial ou do xornalismo cultural apoian os novos creadores e seguen de preto as novas tendencias da arte emerxente.

Co obxectivo de que este intercambio artístico se produza en todas as súas vertentes, o #EAN9 inclúe tamén visitas a centros de arte como o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), a Fundación Granell ou o MARCO.

Nova intervención artística nas HejdukO programa complétase coa posibilidade de que un ou varios dos participantes sexan elixidos para realizar unha intervención artística nas Torres Hejduk do complexo. Con esta iniciativa, o Gaiás busca apostar polo talento emerxente, cedéndolle un espazo expositivo non convencional para que poidan darlle renda solta á súa creatividade.

O IX Encontro de Artistas Novos finalizará precisamente coa inauguración da intervención artística gañadora da anterior edición: Stay Here, do sevillano Alejandro Ginés. Trátase dunha peza escultórica, a modo de torre coroada por unha cadeira pregada, que converte as edificacións ideadas por John Hejduk nunha especie de enxeñosa matrioska que convida á participación dos e das espectadoras. Á hora de elixir este proxecto, o xurado valorou a presenza do cinético e o cotián para suxerir novas olladas e evocacións por parte do autor.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre