Inicio Galicia A Xunta creará unha entidade pública para dar apoio aos concellos na...

A Xunta creará unha entidade pública para dar apoio aos concellos na adecuada xestión dos servizos de auga e abaratar os custos asociados á súa prestación

0

Feijóo explica que o obxectivo é poñer á disposición dos municipios que o soliciten unha xestión profesional e especializada dos servizos urbanos de abastecemento, saneamento e depuración da auga

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe na rolda de prensa do Consello o inicio da tramitación do anteproxecto de lei de creación da sociedade para a xestión do ciclo integral da auga. O obxectivo, dixo, é dar apoio aos concellos na adecuada xestión dos servizos de auga e abaratar os custos asociados á súa prestación.

En definitiva, destacou, poñer á disposición dos municipios que o soliciten unha xestión profesional e especializada dos servizos urbanos de abastecemento, saneamento e depuración da auga. “Estamos convencidos de que este organismo é necesario para dar resposta á dificultade constatada que teñen gran parte dos municipios galegos”, engadiu.

Máis polo miúdo, o mandatario autonómico explicou que para articular esta iniciativa se apostará por unha empresa pública participada maioritariamente pola Xunta, á que se poderán adherir os concellos coa necesaria implicación da correspondente deputación provincial. Deste xeito, promoverase a explotación agrupada dos sistemas, tomando como referencia experiencias previas de explotación conxunta que permiten aforros notables nos custos a través do aproveitamento de sinerxías. Todo isto, abundou, repercutirá positivamente no medio ambiente e na calidade de vida dos galegos.

Durante a súa intervención, Feijóo lembrou o investimento realizado nos últimos anos na adecuación das infraestruturas de abastecemento e saneamento, 1.100 M€ desde 2009. Sobre este punto, subliñou que non só é preciso construír infraestruturas, senón que tamén hai que asegurar o se correcto funcionamento para unha xestión eficaz e eficiente da auga, un recurso esencial. Por iso, dixo, o Goberno galego vén de impulsar, co inicio da súa tramitación no Parlamento de Galicia, unha lei de novas medidas para o risco de seca, unha medida á que se sumará a anunciada hoxe de crear un organismo de xestión da auga con Sogama como referencia, que xa fora comprometida no Debate de Estado Autonómico.

Por último e en relación á xestión da auga, o titular do Goberno galego sinalou que aínda que seguirá a ser unha competencia de ámbito local ao tratarse dunha cuestión que pode repercutir na saúde pública, no coidado medioambiental ou a pesca, marisqueo e turismo, a Xunta non pode manterse allea.

Pola súa parte, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou que esta iniciativa nace da filosofía do Pacto Local da Auga e permite materializar os seus obxectivos.

Subliñou que a entidade é unha solución a un problema que teñen os Concellos e as Deputacións para a xestión dos servizos relacionados coa auga. Engadiu que se trata de facilitarlles as responsabilidades do mantemento e explotación do saneamento e abastecemento.

Destacou que é unha solución ambiental que se basea na explotación correcta das obras xa feitas e procura unha garantía de protección da saúde pública e unha defensa da calidade das augas pola pesca, o marisqueo e o turismo.

Concluíu que esta entidade é un instrumento público, integral, ao contemplar o ciclo urbano da auga, e con solvencia técnica. Tamén precisou que prevé tarifas igualitarias e homoxéneas, o financiamento para investimentos necesarios baseados en criterios obxectivos cunha auditoría técnica e aproveita as economías de escala. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre