Inicio Galicia A Xunta crea unha comisión técnica de silvopastoreo con expertos do Goberno...

A Xunta crea unha comisión técnica de silvopastoreo con expertos do Goberno galego, da universidade e investigadores para anticiparse aos lumes

0

Os especialistas, entre os que figuran membros da USC e do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, estudarán e avaliarán como optimizar estes métodos, especialmente nas aldeas modelo

A Xunta vén de crear unha comisión técnica de silvopastoreo con expertos do propio Goberno galego, da Universidade de Santiago e investigadores, co fin de fomentar estes sistemas para recuperar terras agrarias e, ao tempo, anticiparse aos incendios forestais.

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañou hoxe aos membros deste organismo, que asesora e proporciona soporte técnico á Xunta nesta materia, durante a súa visita a Osmo, a primeira aldea modelo de Galicia, situada no municipio ourensán de Cenlle.

Así, a comisión ten como principal misión estudar e avaliar a implantación de sistemas de silvopastoreo en diferentes zonas de Galicia, tal e como explicou o conselleiro. Trátase de incentivar estes aproveitamentos, preferentemente con gando ovino, cabrún, porcino e vacún de razas autóctonas, como método sustentable de xestión da biomasa. Está pensado especialmente para as aldeas modelo, no sentido de fomentar esa roza natural por parte do gando mentres non se consolide a actividade agrícola nese perímetro próximo aos núcleos de poboación, aclarou tamén González.

Nesta mesma liña, o titular de Medio Rural sinalou durante esta visita que en toda Galicia houbo arredor de 60 peticións de aldeas modelo, das que están en marcha un total de 18, con 531 hectáreas mobilizadas, case 10.500 parcelas e 2.600 persoas propietarias.

Con respecto aos polígonos agroforestais, salientou que xa se foron levando a cabo, nos anos 2018 e 2019, iniciativas piloto en zonas coma O Courel, Sober ou Os Ancares (na provincia de Lugo) ou Cualedro (na de Ourense). Engadiu que se traballa tamén noutras áreas, caso de Santaia-Foxado (Curtis, A Coruña), cunhas 3.200 hectáreas, e Carzoá (Cualedro, Ourense), con outras 185 hectáreas.

ConsensoPor parte dos expertos que integran a Comisión púxose de manifesto un consenso total á hora de valorar esta liña de traballo como a máis axeitada para consolidar os sistemas de silvopastoreo na nosa comunidade. Dentro deste proceso, os especialistas teñen previsto visitar, neste mesmo mes de agosto, diferentes aldeas modelo espalladas pola xeografía galega, para coñecer estes proxectos sobre o terreo e poder achegar as súas suxestións de xeito consensuado e concreto para cada caso.

Esta Comisión reunirase de novo no mes de setembro para analizar toda a documentación acumulada e seguir avanzando nesa implementación dos métodos silvopastorís, determinando, en cada caso, cal é o tipo de gando máis acaído para cada zona.

Integrantes da comisiónEste órgano técnico está coordinado polo subdirector de Mobilidade de Terras da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Alejandro Sánchez de Dios. Os demais integrantes son Antonio Rigueiro, catedrático do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC; Francisco Javier Silva Pando, experto en silvopastoreo do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, adscrito a Medio Rural; Santiago Crecente, xefe de Departamento do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) e representante da Estación Experimental de Gandaría de Montaña de Marco da Curra, tamén dependente desta Consellería e Jorge Mourelo, subdirector xeral de Gandaría da Consellería do Medio Rural.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre