Inicio Galicia A Xunta crea o Foro de Reactivación do Deporte Galego para a...

A Xunta crea o Foro de Reactivación do Deporte Galego para a proposta e análise das medidas que garantan a recuperación sostible do sector

0
image_gallery.jpg

A creación do foro que, cunha análise e perspectiva sectorial e dende o consenso, poida ser o xerme de propostas que coadxuven á reactivación do sector deportivo no seu sentido mais amplo mostra a firme aposta da Xunta polo traballo conxunto de todo o tecido deportivo


A Secretaría Xeral para o Deporte creará o Foro de Reactivación do Deporte Galego como espazo de deliberación, análise e proposta de actuacións para o sector deportivo de Galicia no contexto posterior á crise sanitaria do COVID-19, tal e como informou o Consello da Xunta este xoves. O seu obxectivo será a análise das medidas de actuación que, desde os distintos ámbitos materiais afectados, poidan formularse para establecer un marco de recuperación sostible do sector deportivo galego.

Neste foro de deliberación, análise e proposta fomentarase a participación de todo o tecido deportivo galego para o que se convidará á Federación Galega de Municipios e Provincias, Unión de Federacións Deportivas de Galicia, os grupos de traballo constituídos aos efectos da adaptación do protocolo FISICOVID-DXTGALEGO, os deportistas galegos de alto nivel, as Agrupacións Deportivas Escolares de Galicia, as tres Universidades Galegas, a Asociación Galega de Xestores Deportivos, o Colexio Oficial de Licenciados en Educación Física e Ciencias da Actividade Física e do Deporte de Galicia, a Asociación de empresas xestoras de instalacións deportivas de Galicia, así como persoas de recoñecido prestixio nas diferentes disciplinas vinculadas aos ámbitos académico, profesional e sectorial do deporte de Galicia.

Dende a declaración da emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma polo Consello da Xunta de Galicia o pasado 13 de marzo, a Administración autonómica vén actuando na prevención e control da crise sanitaria orixinada pola expansión do coronavirus COVID-19. Moitas destas medidas recollidas no Diario Oficial de Galicia corresponden ao ámbito deportivo e foron establecidas, nomeadamente a través do acordo do Consello da Xunta de Galicia de 17 de xullo (DOG de 18 de xullo), a orde de 27 de agosto de 2020 (DOG de 28 de agosto) e a orde de 9 de setembro de 2020 (DOG de 9 de setembro).

Cómpre salientar que, en todo este tempo, a Secretaría Xeral para o Deporte promoveu a permanente coordinación cos axentes e o tecido deportivo autonómico, especialmente das federacións deportivas, clubs e deportistas, así como coa Administración xeral do Estado no que se refire á competición deportiva de carácter estatal non profesional. Froito deste traballo resultan os protocolos específicos de cada federación deportiva, así como o protocolo básico de actuación do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, ou as Guías DXT Galego ‘Volvendo con sentidiño’.

Deste xeito, a creación dun foro que, cunha análise e perspectiva sectorial e dende o consenso, poida ser o xerme de propostas que coadxuven á máis axeitada reactivación do sector deportivo no seu sentido mais amplo (práctica de actividade física, deporte competitivo e sector produtivo e de prestación de servizos) mostra a firme aposta da Xunta de Galicia polo traballo conxunto de todo o tecido deportivo galego na reactivación deste sector.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre