Inicio Galicia A Xunta corrixirá en Galicia as debilidades do "decreto do aprobado xeral"...

A Xunta corrixirá en Galicia as debilidades do "decreto do aprobado xeral" do Ministerio de Educación

0
image_gallery.jpg

Estanse preparando unhas normas propias de desenvolvemento que permitan preservar a calidade do sistema educativo galego e a cultura do esforzo


A Xunta corrixirá as debilidades do Real Decreto Lei de medidas urxentes no ámbito da educación non universitaria, aprobado polo Congreso dos Deputados, a través da elaboración dunhas normas propias de desenvolvemento. O obxectivo é, dentro da legalidade e das posibilidades desta norma, preservar a calidade e a equidade do sistema educativo galego.

O decreto, unha medida emprendida polo Ministerio de Educación, permite que un alumno poida promocionar de curso sen que se teña en conta o número de materias suspensas. En opinión do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, “esta norma racha coa función do sistema educativo como xerador de igualdade de oportunidades e merma a súa calidade”.

Neste sentido, considera que non ten sentido que o Goberno central decida aplicar ao contexto actual unhas medidas que foron pensadas para a situación excepcional de confinamento e suspensión total das clases presenciais que se produciu nos dous últimos trimestres do curso 2019/20. Tendo en conta que en Galicia se está a aplicar, con carácter xeral e salvo casos moi puntuais, a presencialidade completa no ensino obrigatorio, o axeitado é aplicar uns criterios máis próximos ao labor educativo habitual.

Incertezas nas familias“O decreto do aprobado xeral xera preocupación e incertezas nas familias e nunha parte significativa da comunidade educativa que percibe que a súa aplicación pode repercutir nunha redución de calidade e a equidade do sistema”, explica.

As normas propias de Galicia materializaranse tecnicamente na elaboración dunhas instrucións. Para a súa elaboración, a Xunta contará coa participación da comunidade educativa a través do profesorado e a Inspección. Nelas, abordaranse cuestións como os criterios de promoción e titulación, así como a valoración do rendemento do alumnado. En calquera caso, terase en conta a posibilidade de adaptar o que se estableza ás circunstancias particulares que se poidan producir ao longo do curso escolar, como por exemplo corentenas de longa duración.

Queixa formal á ministraO conselleiro Román Rodríguez xa enviou unha queixa formal á ministra de Educación e Formación Profesional, Isabel Celaá, na que se lamentaba a toma desta decisión de forma unilateral e sen abordala previamente coas comunidades autónomas.

Na carta remitida indicábaselle á ministra que posibilitar que un alumno pase de curso sen importar o número de suspensos “desprestixia a propia educación e o traballo de docentes e familias, vai en contra da cultura do esforzo e é profundamente antiequitativo”. Así mesmo, facíase fincapé no risco de “crear desigualdades entre o alumnado en función do seu lugar de residencia, xerando inseguridade xurídica e confusión normativa”; máis tendo en conta que Galicia conta cun dos sistemas educativos máis equitativos e inclusivos do Estado a día de hoxe.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre