Inicio Galicia A Xunta convocará proximamente no DOG un concurso de ideas para converter...

A Xunta convocará proximamente no DOG un concurso de ideas para converter o Pazo de Quián no espello do rural galego

0

A Consellería realizará un investimento global de dez millóns de euros neste espazo, que ofrecerá unha visión global do que é o medio rural galego desde o punto de vista agropecuario e forestal

Proximamente publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria do concurso de ideas para converter o Pazo de Quián, en Sergude (Boqueixón) no espello do rural galego. Así o anunciou esta mañá o conselleiro do Medio Rural, José González, na presentación desta iniciativa, na que estivo acompañado polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez.

O obxectivo deste concurso, segundo explicou o conselleiro, é “mobilizar a inventiva e a creatividade dos profesionais” para crear un centro de promoción e imaxe dos produtos agrícolas, gandeiros e forestais de Galicia, sempre baixo o paraugas de Galicia Calidade. Neste sentido, José González fixo un chamamento aos arquitectos, enxeñeiros e paisaxistas para que “lle dean ao maxín” co fin de propoñer o mellor deseño posible.

Nesta primeira fase, o concurso contará cun orzamento de 1,2 millóns de euros, que inclúe os custos dos proxectos básico e de execución, así como da dirección de obra, pero -tal como sinalou o conselleiro- o conxunto da intervención no Pazo e a súa contorna suporá un investimento global de dez millóns de euros.

O gañador do primeiro premio deste concurso (dotado con 40.000 euros) poderá ser tamén o adxudicatario do contrato de servizo de redacción do proxecto básico e de execución, así como da dirección da obra ulterior. O procedemento establece tamén outros catro premios, a maiores, dotados con entre 25.000 e 10.000 euros.

Rural promotor de riquezaJosé González destacou que neste centro vaise plasmar, a modo de “micro cosmos”, a aposta da Xunta por un rural multifuncional, promotor de riqueza, creador de valor engadido e sustentable. Isto significa, engadiu, que esa creación de riqueza ten que ser respectuosa cos recursos naturais e paisaxísticos, vivos e dinámicos e orientados á produción agroalimentaria.

Trátase de crear un espazo que propicie unha visión global do que é o medio rural galego desde o punto de vista agropecuario, forestal, hortofroitícola, etc. Por iso, o Pazo e a súa contorna (que conta cunha superficie de arredor de 100 hectáreas) converteranse nunha reprodución visitable da ordenación do territorio que se pretende para o rural galego cos tres usos: forestal, agrícola e gandeiro.

Así, a parte forestal reproducirá un monte multifuncional, vivo e dinámico, así como sustentable social, económica e ambientalmente, con diversidade de especies. A zona gandeira complementará a forestal con gandaría en extensivo, así como cunha explotación convencional de deseño exemplar e integrada no medio natural, incorporando todas as razas autóctonas existentes na nosa comunidade. A área agrícola incorporará unha mostra de todos os produtos agroalimentarios acollidos a selos de calidade.

Ademais, está prevista a posta en marcha de instalacións de transformación agroalimentarias, tales como adega, destilería, panadería, queixería, almazara, área de conservas hortofrotícolas e outras. Haberá tamén un centro de promoción gastronómica, pensado para que os cociñeiros galegos poidan traballar e poñer en valor eses produtos e un lugar de negocios para fomentar a comercialización das producións, de forma que se poidan xuntar produtores e distribuidores de forma centralizada. O centro incorporará ademais un espazo interactivo no que os visitantes poidan coñecer polo miúdo os nosos produtos e industrias agroalimentarias e acollerá o Banco de Recursos Fitoxenéticos de Galicia, cunha aula de interpretación visitable.

Formación e emprendementoA iniciativa abrangue, así mesmo, a reforma integral do Centro de Formación, fomentando o orgullo e a ilusión por emprender no rural galego e un gran espazo de exposición ao aire libre da realidade e do futuro do rural galego, aberto ao público en xeral.

Todo o proxecto completarase cun mercado-exposición, onde os produtores poidan amosar e facer promoción de forma centralizada, nas súas diferentes fases de elaboración, a sede institucional da Galicia Calidade do rural galego e un lugar para a organización de mostras e eventos ligados á produción agroalimentaria de calidade, tales como as catas dos queixos e dos meles ou dos viños.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre