Inicio Galicia A Xunta convocará este mes unha nova orde de axudas para obras...

A Xunta convocará este mes unha nova orde de axudas para obras de humanización urbanística dotada con 2,5 millóns

0

Ángeles Vázquez anuncia en Sanxenxo que o seu departamento financiará o 80% do custo dos proxectos seleccionados, cun límite máximo de 96.800 euros

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda convocará en xaneiro unha nova orde de axudas co obxectivo de financiar proxectos para a creación ou mellora de rúas, espazos públicos e infraestruturas urbanas nos concellos. O programa contará cunha partida de 2,5 millóns de euros e está dirixido a municipios de menos de 50.000 habitantes, tal e como adiantou esta mañá durante unha visita a Sanxenxo a titular de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez.

Concretamente, a consellería achegará o 80% do orzamento de cada actuación que resulte seleccionada, cun límite máximo de 96.800 euros por proxecto. A convocatoria farase en réxime de concorrencia competitiva e os concellos interesados poderán optar á mesma coa presentación de proxectos para mellorar infraestruturas urbanas, rúas e espazos públicos.

Esta convocatoria dálle continuidade ás sucesivas ordes de axudas que a consellería impulsou nos últimos anos na súa aposta pola humanización das vilas e concellos galegos a través do financiamento de novas infraestruturas e servizos que axuden a mellorar a calidade de vida dos seus veciños e á vez, contribúan a frear o despoboamento de determinadas zonas.

De feito, a conselleira tivo ocasión hoxe de visitar en Sanxenxo as obras dunha das actuacións que está a subvencionar o seu departamento ao abeiro da orde de axudas convocada no ano 2018. Trátase, concretamente, dun proxecto para a humanización e remodelación integral do parque da Panadeira, cun custo de 457.836 euros dos cales a Xunta achegará case o 80% (366.268 euros).

Segundo explicou, os traballos foron adxudicados en outubro e a previsión é que neste primeiro trimestre os veciños xa poidan dispoñer dun parque renovado e cunha situación privilexiada, xa que se atopa nunha zona moi concorrida do concello, localizada entre as praias urbanas de Panadeira e Lavapanos.

Durante a visita, Vázquez Mejuto detallou que grazas ás actuacións que se están a acometer, esta zona gañará máis espazo para os peóns, dotarase dunha nova pista polideportiva de 240 metros cadrados con equipamento para a práctica de fútbol, balonmán e baloncesto, ampliarase o parque infantil xa existente e remodelarase toda a zona axardinada.

Adhesión de Sanxenxo á ApluAntes de visitar os traballos no parque da Panadeira, Ángeles Vázquez mantivo unha reunión co alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, na que abordaron varias cuestións de interese para o concello en materia urbanística. O principal asunto a tratar foi a adhesión de Sanxenxo á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (Aplu), que quedou hoxe formalizada coa sinatura do correspondente convenio por parte da conselleira e o rexedor.

Nestes momentos, son xa 74 os municipios galegos que delegaron parte das súas competencias urbanísticas neste organismo, dependente da Consellería de Medio Ambiente. En virtude do convenio asinado hoxe e que entrará en vigor tras a súa publicación no DOG, a APLU asumirá os traballos de inspección, supervisión e restablecemento da legalidade urbanística establecidos na Lei do Solo de Galicia en relación coas obras e usos que se executen sen licenza ou sen axustarse ás súas condicións.

Neste sentido, a evolución das adhesións á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística nos últimos anos, que a conselleira cifrou en 57 novos concellos desde 2009, son unha mostra clara do papel que xoga este organismo como un instrumento eficaz para o control da disciplina urbanística. En total, os municipios adheridos suman o 17% da superficie total de Galicia e o 12,6% da poboación total da comunidade. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre