Inicio Galicia A Xunta convoca unha orde de axudas dirixida aos concellos para crear...

A Xunta convoca unha orde de axudas dirixida aos concellos para crear ou mellorar os equipamentos e infraestruturas urbanas

0

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución desta orde de subvencións, dotada con 4,3 millóns de euros

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio convoca unha orde de axudas dirixida aos concellos para crear ou mellorar as infraestruturas e equipamentos urbanos. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde de subvencións, dotada cun orzamento de 4,3 millóns de euros.

En base a esta orde, en réxime de concorrencia non competitiva, serán subvencionables aquelas actuacións que busquen mellorar ou crear infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, como a humanización de rúas, de espazos públicos, así como obras de equipamentos públicos.

Cada concello poderá solicitar unha axuda para un proxecto que se englobe no marco de actuacións subvencionables, que non poderá superar os 500.000 euros, e nunca se poderá acoller a esta orde de incentivos a adquisición de terreos, os proxectos de redes de luz pública que consistan unicamente na substitución de lámpadas ou luminarias; así como equipamentos para o tratamento e xestión de residuos sólidos urbanos, que non se integren nun proxecto de mellora integral dos equipamentos urbanos.

Leer más:  SUS-Santiago fija "posición de ciudad" para pedir la intervención del Gobierno y ampliar el uso residencial de Peleteiro

Asemade, a orde establece unha porcentaxe do investimento en función da poboación de cada concello. Así, para os concellos cunha inferior ou igual a 5.000 habitantes o 100% do investimento; os municipios con mais de 5.000 e ata 20.000 habitantes o 80% do investimento; os concellos con mais de 20.000 e ata 50.000 habitantes o 70% do investimento e os de mais de 50.000 habitantes o 50% do investimento.

As administracións locais que desexen presentar a súa solicitude deberán cumprir unha serie de requisitos como ter remitidas as contas do concello relativas ao ano 2016 ao Concello de Contas; acreditar a viabilidade do proxecto referido e poder iniciar no presente exercicio as actuacións obxecto da subvención.

A Consellería de Medio Ambiente promove esta liña de axudas para colaborar no desenvolvemento de actuacións orientadas a frear o despoboamento, potenciando as infraestruturas, servizos e equipamentos e, en definitiva, mellorando o benestar e a calidade de vida da súa poboación.

Os obxectivos son promover o desenvolvemento das vilas e dos núcleos, con criterios de sustentabilidade económica, ambiental e social; mellorar os equipamentos e as dotacións, aumentando a variedade e elevando os niveis de servizos, para ofrecer unha oferta de calidade e adecuada ás necesidades da poboación, co fin de incrementar o atractivo das vilas e dos núcleos da nosa comunidade autónoma; e fomentar a conservación e posta en valor do patrimonio cultural e histórico das vilas.

Leer más:  Los trenes Avril están triunfando en Galicia: más de 13.000 billetes vendidos en menos de 24 horas

Presentación de solicitudesOs concellos interesados en acollerse a esta liña de axudas deberán presentar e tramitar a correspondente solicitude por medios electrónicos, así como a presentación da documentación complementaria, que deberá achegar como mínimo a memoria explicativa do proxecto, o orzamento detallado e planos a escala suficiente. O prazo para a presentación das solicitudes é dun mes, a contar dende o día seguinte ao da publicación da orde. 


- Te recomendamos -