Inicio Galicia A Xunta convoca unha nova edición das unidades formativas para que as...

A Xunta convoca unha nova edición das unidades formativas para que as empresas cualifiquen a máis de 2.000 desempregados á medida das súas necesidades

0

A Consellería de Economía, Emprego e Industria investirá 4,5 millóns de euros na nova convocatoria, un orzamento co que estima poñer en marcha 162 novos cursos de formación financiados ao 100% pola Administración galega


A Xunta de Galicia vén de abrir o prazo de solicitude para a convocatoria de axudas da nova edición 2020-2021 das Unidades Formativas en Empresas dirixidas a persoas desempregadas, unha iniciativa coa que a Consellería de Economía, Emprego e Industria financia o 100% da formación, permitindo atender as demandas reais do tecido produtivo galego.

Deste xeito, a convocatoria do programa, que estará aberta ata o vindeiro 23 de xaneiro, conta cun orzamento global de 4,5 millóns de euros. Agárdase formar a máis de 2000 persoas sen emprego en 162 unidades formativas. Do que se trata con esta medida é de dar resposta aos perfís profesionais que están xurdindo do novo modelo económico baseado nas novas tecnoloxías.

A actuación inclúe por parte do tecido empresarial un compromiso de contratación de polo menos o 40% dos alumnos e alumnas que participen na medida. A Xunta, ademais, apoiará ás compañías nas contratacións cando superen o compromiso fixado do 40%. Os contratos indefinidos financiaranse con axudas de entre 7000 e 16.000 euros. As contías máximas outórganse para os colectivos con especiais dificultades para atopar un emprego como son os parados de longa duración, persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social, mulleres, maiores de 45 anos e emigrantes retornados. Tamén se bonifica con máis apoio nas contratacións cando a empresa está emprazada no rural galego.

Desde a posta en marcha desta iniciativa, no ano 2018, as Unidades Formativas en Empresas para desempregados levan permitido a celebración de 425 cursos con 6233 prazas e un investimento de máis de 11M€. Este programa, ademais, propiciou a inclusión de 53 novas especialidades, a proposta das empresas, no catálogo formativo do Servizo Público de Emprego Estatal.

Trátase do programa de formación á carta que se imparte en empresas máis ambicioso de todo o Estado, que se complementa coas Unidades Formativas para ocupados e que se enmarca na Axenda 20, a folla de ruta coa que o Goberno galego está impulsando o emprego estable e de calidade. Esta iniciativa tamén dá resposta aos obxectivos da Axenda Industria 4.0, que ten como un dos seus retos principais que o sistema formativo se oriente á realidade do tecido industrial, é dicir, á revolución tecnolóxica na que está inmerso.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre