Inicio Galicia A Xunta convoca para novembro e decembro os actos expropiatorios para executar...

A Xunta convoca para novembro e decembro os actos expropiatorios para executar dúas sendas na estrada PO-551, ao seu paso polos concellos de Bueu e Marín

0

O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe a convocatoria, que fixa o levantamento de actas previas dos terreos precisos para construír estas sendas, entre Bagüín e Seixo e entre Trasouto e O Alto da Portela

 Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2020.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra os anuncios das convocatorias, para os vindeiros meses de novembro e decembro, dos actos expropiatorios para a execución de dúas sendas na estrada PO-551, ao seu paso polos concellos de Bueu e Marín. Estes actos comezarán os días 26 e 27 de novembro polo levantamento de actas previas dos terreos necesarios para executar o itinerario peonil previsto entre Bagüín e Seixo, en Marín, fixado das 10,00 ás 14,00 horas na Casa do Concello.

Esta actuación, que conta cun orzamento de máis de 700.000 euros, céntrase na execución dun itinerario peonil de 940 metros de lonxitude na marxe dereita desta estrada autonómica. A intervención comprende o tramo situado entre o punto quilométrico 2+815, na intersección á altura da Cova da Moa cunha vía municipal que vai ao paseo, e o 3+750, conectando coa beirarrúa de Bagüín.

Por outra banda, a Xunta cita para o vindeiro día 4 de decembro aos propietarios dos terreos necesarios para a execución da senda proxectada nesta mesma estrada, no tramo que conecta Trasouto e O Alto da Portela, no municipio de Bueu. A convocatoria fíxase na casa do Concello, das 11,00 ás 13,00 horas.

Trátase da execución dunha senda na marxe esquerda da PO-551, entre os puntos quilométricos 12+720 e 14+440, que con respecto ao proxecto inicial amplía en 115 metros a súa lonxitude para conectar coas beirarrúas existentes e conformar un itinerario peonil seguro de maior lonxitude. A obra conta cun orzamento autonómico de preto de 643.000 euros, ao que hai que engadir o pago das expropiacións.

Estas dúas actuacións na estrada autonómica forman parte do Plan de Sendas da comarca do Morrazo, no que a Xunta contempla 8 itinerarios seguros, sustentables e integrados na paisaxe, cun orzamento que supera os 4,5 millóns de euros. Todas estas actuacións serán cofinanciadas con Fondos FEDER 2014/2020Actuación supresión TCA MoañaHoxe o Boletín Oficial da Provincia tamén recolle a convocatoria dos titulares dos terreos necesarios para executar as obras de eliminación do tramo de concentración de accidentes da PO-551, en Domaio, no municipio de Moaña. Neste caso, a Xunta fixa o acto expropiatorio para o día 17 de decembro, en horario de 11,00 ás 14,00 horas, na casa do Concello.

Esta intervención está enmarcada na estratexia da Xunta para eliminar os tramos de concentración de accidentes nas vías autonómicas e conta cun investimento autonómico de case 580.000 euros.

O proxecto prevé actuar no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 27+760, no paso de peóns da travesía de Meira á altura do centro de saúde, e o 32+670, na intersección coa vía provincial EP-1103, á saída de Domaio.

Protocolo covid-19Estes procedementos realizaranse seguindo o estrito protocolo de medidas preventivas para evitar riscos de contaxio por mor da covid-19.

Así, para garantir o proceso e todas as medidas de seguridade sanitaria establécese que o local debe dispoñer dunha superficie suficiente para garantir a separación mínima, zona de espera ampla e ventilación e limpeza frecuente, onde non se poderá superar o límite de aforo, ademais de contar con carteis informativos e xeles hidroalcohólicos. Mentres, os titulares das fincas teñen a obriga de asistir con máscara, ir só as persoas estritamente necesarias e non acudir no caso de presentar febre ou síntomas respiratorios.

Compromiso co MorrazoA Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, tras pór en servizo a autovía do Morrazo, mantén o seu compromiso coa comarca traballando na mellora da seguridade e da accesibilidade das estradas convencionais.

Estas novas actuacións de mellora da seguridade na PO-551, sumaranse ás que xa se están a executar nesta mesma vía nos concellos de Bueu e Marín; e na senda da estrada PO-313 ao seu paso por Marín, no tramo Coirados-Pardavila, que terá a súa continuidade co itinerario entre Bagüín e Seixo. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre