Inicio Galicia A Xunta convoca para mañá a comisión de seguimento para abordar a...

A Xunta convoca para mañá a comisión de seguimento para abordar a situación da emerxencia do río Eume e do abastecemento de Pontedeume

0

Participarán na xuntanza a dirección de Augas de Galicia e técnicos dos departamentos de Obras e de Calidade das Augas, representantes da Consellería de Medio Ambiente e do Mar, os Concellos de Pontedeume e de Cabanas, xunto coa concesionaria municipal e a empresa que xestiona o encoro

A Xunta, a través de Augas de Galicia, vén de convocar para mañá, martes día 20, ás 10,00 horas, a reunión da Comisión de Seguimento para avaliar a evolución da situación do río Eume e do abastecemento de Pontedeume, no marco da emerxencia declarada o pasado día 13.

Na reunión, que se celebrará por videoconferencia debido á situación derivada da covid-19, participarán a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, o xerente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira e técnicos dos departamentos de Obras e de Calidade das Augas, ademais da xefa territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Cristina Carrión, e técnicos de Patrimonio Natural, xunto con representantes do Intecmar. Están convocados á xuntanza, ademais, os Concellos de Pontedeume e de Cabanas, a empresa concesionaria do sistema de abastecemento municipal e a empresa responsable da xestión do encoro.

Na que será a primeira reunión da Comisión de Seguimento avaliarase a situación que ten motivado a declaración de emerxencia por parte de Augas de Galicia, coa posta en común de toda a información da que dispón a Xunta, ademais da información municipal, a derivada da xestión do encoro ou a dispoñible no eido do patrimonio natural e dos recursos mariños.

Ademais, abordaranse as actuacións xa realizadas e as que ten previsto impulsar Augas de Galicia no marco da declaración da emerxencia para dar resposta á situación, reducir a turbidez e lograr que a auga sexa apta para o consumo, en apoio ao Concello de Pontedeume no desenvolvemento das súas competencias municipais. No marco da emerxencia declarada no río Eume e no abastecemento de auga do concello de Pontedeume a Xunta investirá 1,5 millóns de euros, destinando a maior parte desa achega á modernización da estación de tratamento de auga potable municipal.

Logo de analizar diversas alternativas, concluíuse que actuar sobre a potabilizadora municipal é a medida máis eficaz e rápida para restablecer os parámetros da auga, con sistemas que favorezan a coagulación e a decantación das partículas en suspensión.

A planta de tratamento de auga potable municipal ten capacidades limitadas, ao carecer de cámaras de mestura de reactivos e auga bruta e tamén de tratamentos físico-químicos, ademais de que dispón dun decantador excesivamente pequeno e con pouca capacidade de filtrado. Isto levou á Xunta a adoptar a decisión de actuar, de forma inmediata, sobre a potabilizadora municipal, colaborando co Concello de Pontedeume no desenvolvemento das súas competencias municipais.

No marco do expediente sancionar incoado xa se deron indicacións á empresa que explota a presa do Eume para que manteña o nivel das augas do encoro nos parámetros normais de explotación e adopte medidas para reducir a turbidez no río.

Os técnicos de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda non detectaron, ata o momento, danos na fauna nin mortaldade piscícola. En todo caso, os axentes medio ambientais seguen a facer un seguimento permanente para verificar que non mudan as condicións ambientais do río e, polo tanto, que non se produzan afeccións nos ecosistemas presentes na canle fluvial. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre