Inicio Galicia A Xunta convoca o programa Bibliotecas Escolares Solidarias para o curso 2019-2020

A Xunta convoca o programa Bibliotecas Escolares Solidarias para o curso 2019-2020

0

A iniciativa desenvólvese en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional convoca o programa Bibliotecas Escolares Solidarias, que ten como obxectivo estimular o voluntariado cultural en relación coas bibliotecas e a lectura entre o alumnado e recoñecer os esforzos das comunidades educativas por conformar bibliotecas escolares inclusivas, que axuden a paliar as desigualdades no acceso ao coñecemento e ao uso dos recursos culturais e de aprendizaxe, por calquera das causas posibles.

A iniciativa, que se desenvolve en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, estrutúrase en tres accións: a concesión do Selo Biblioteca Escolar Solidaria, o Voluntariado na biblioteca escolar (Secundaria) e o Voluntariado de lectura-A (Primaria). A primeira delas, un distintivo de calidade de traballo solidario a favor da comunidade escolar, ten como obxectivo recoñecer o labor das bibliotecas que traballan de forma salientable a compensación de desigualdades e fomentan o voluntariado cultural entre os integrantes da comunidade escolar.

Poderán optar a este selo aquelas bibliotecas que propician especificamente valores de xustiza e solidariedade, e procuran de forma destacada a compensación de desigualdades, poñendo os recursos ao servizo de toda a comunidade educativa, dando resposta ás necesidades de todo o alumnado e favorecendo o uso dos seus recursos e oportunidades con formación e con fórmulas de aproveitamento axeitadas, mediante un programa específico de medidas estruturais e sistemáticas. Trátase de valorar aquelas iniciativas que poñen especial atención en atender ás necesidades en materia de lectura e de acceso á información do alumnado e as familias que máis o precisan, por carecer de biblioteca familiar ou estar afastados doutros centros culturais (bibliotecas públicas municipais ou outras). Así mesmo valorarase que conten cun equipo de colaboradores formado por alumnado voluntario ou con familias voluntarias que colaboran na xestión e dinamización da biblioteca escolar. Neste curso valoraranse especialmente aquelas prácticas da biblioteca escolar relacionadas coa difusión dos Obxectivos da Axenda 2030 da ONU para o Desenvolvemento Sustentable.

Voluntariado na biblioteca escolarPola súa banda Voluntariado na biblioteca escolar vai dirixido a centros que imparten ensinanzas de ESO, Bacharelato, FP ou ensinanzas de réxime especial que contan con grupos formalizados de alumnado colaborador. Esta iniciativa pretende favorecer a formación de actitudes de colaboración e de solidariedade entre o alumnado galego, especialmente no ámbito cultural, o que poderá materializarse en actividades de colaboración na biblioteca escolar ou a través de actividades de lectura compartida ou de traballo coa información, organizadas pola biblioteca, dentro ou fóra do centro. Estas actividades deberán contribuír á educar ao alumnado para a solidariedade e poderán orientarse, así mesmo, en liña cos obxectivos da Axenda 2030.

A través da súa participación nesta iniciativa o alumnado poderá ver recoñecido o seu labor mediante un diploma (no caso dos menores) ou un certificado de horas de voluntariado na biblioteca escolar (no caso dos maiores de idade).

Voluntariado de lectura-ANo caso da acción Voluntariado de lectura-A, dirixida a centros que matriculan alumnado de 5º e 6º cursos de ensino primario, o obxectivo é estimular o voluntariado cultural en relación coa lectura, favorecendo a formación de actitudes de colaboración e de solidariedade entre o alumnado, especialmente no ámbito cultural. Isto poderá artellarse a través de actividades de colaboración na biblioteca escolar ou a través de actividades de lectura compartida organizadas pola biblioteca, dentro ou fóra do centro, e nas que poderán participar, así mesmo, outros sectores da comunidade educativa. Estas actividades deberán contribuír á educar ao alumnado para a solidariedade e, igualmente, poderán traballar os obxectivos da Axenda 2030 da ONU para o Desenvolvemento Sustentable.

Esta acción intégrase, así mesmo, como iniciativa de voluntariado nos programas da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, polo que o alumnado directamente implicado nas actividades programadas polos centros poderán recibir un diploma da súa colaboración como acción de voluntariado cultural.

Plan LÍABibliotecas Escolares Solidarias enmárcase no Plan LÍA de Bibliotecas Escolares, que contempla entre os seus obxectivos para o período 2016-2020 o de “avanzar na consecución dunha biblioteca escolar inclusiva”, así como o de “incentivar o uso das bibliotecas escolares por parte das comunidades educativas”. Entre os retos que cómpre afrontar, esta nova fase do Plan LÍA contempla o de “pensar a biblioteca escolar como biblioteca inclusiva para unha mellor atención da diversidade” e, tamén, o de “ampliar as iniciativas destinadas á implicación das familias na formación lectora dos máis novos”.

O programa ten como obxectivo, así mesmo, fortalecer unha das funcións máis importantes da biblioteca escolar, a de axudar a paliar as desigualdades no acceso aos recursos culturais e de acceso ao coñecemento, poñendo a disposición de todo o alumnado, independentemente da súa situación socioeconómica, todas as ferramentas precisas para avanzar na súa formación como lector crítico e como usuario e produtor de información, competencias clave na actual sociedade da información.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre