Inicio Galicia A Xunta convoca o préstamo vendima para que as adegas galegas poidan...

A Xunta convoca o préstamo vendima para que as adegas galegas poidan mercar toda a uva desta colleita en condicións normais de mercado

0
image_gallery.jpg

Estes empréstitos, que se regulan mediante unha orde que publica hoxe o DOG, servirán para paliar os efectos da covid-19, en cumprimento do Plan de reactivación e dinamización da Consellería do Medio Rural


O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural que regula o préstamo vendima, que permitirá que todas as adegas galegas poidan mercar a totalidade da uva da colleita deste ano en condicións normais de mercado. Estes empréstitos están garantidos no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020, cofinanciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader). Deste xeito, Medio Rural activa unha liña de 37,5 millóns de euros de créditos garantidos pola Xunta.

A garantía acada os seis millóns de euros para cubrir posibles impagos e ademais resérvanse outros seis millóns con vistas a renovar o instrumento o vindeiro ano, que poderán activar outros 37,5 millóns de préstamos garantidos para o ano 2021, no caso de que se sexa preciso debido á situación da covid – 19.

Segundo o recollido na orde publicada hoxe, poderán beneficiarse do préstamo vendima as pemes agroalimentarias que sexan titulares de bodegas de elaboración de viño acollido ás denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas vitivinícolas galegas e que -previo informe favorable da Sociedade Anónima Estatal de Caución Agraria (Saeca)- obteñan o recoñecemento do dereito ao empréstito por parte da Consellería de Medio Rural e, posteriormente, o formalicen.

Os préstamos deben destinarse á adquisición de uva na campaña 2020, así como, no caso de procesado de uvas de produción propia, a financiar o capital circulante de explotación, todo iso co obxecto de elaborar viño acollido a denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas. En calquera caso, o importe total por beneficiario non poderá superar o importe de 200.000 euros.

Os empréstitos -cuxas condicións están establecidas por convenio entre o Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación e distintas entidades bancarias no ámbito do instrumento financeiro de xestión centralizada Feader 2014-2020- deberán contar cunha duración total de cinco anos e cun ano de carencia. O tipo de interese preferente será o resultado de sumar ao euribor a un ano -correspondente ao segundo mes anterior ao de formalización do préstamo- un diferencial de dous puntos, redondeado o resultado a tres decimais.

A orde entra en vigor mañá, día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Será a partir de entón cando os interesados poderán presentar a súa solicitude de recoñecemento do dereito ao préstamo a través das entidades financeiras colaboradoras. Deben dirixila ao Servizo de Industrias e Calidade Agroalimentaria da delegación territorial da Consellería de Medio Rural onde se sitúe a súa industria.

Esta iniciativa forma parte dunha liña de financiamento impulsada pola Xunta para axudar aos autónomos, microempresas e pemes máis afectados pola covid-19 e dá cumprimento ao Plan de reactivación e dinamización da Consellería do Medio Rural. Así, co obxectivo de garantir o futuro do sector do viño da nosa comunidade, estes empréstitos ofrecen unhas condicións moi vantaxosas no que se refire ao custo financeiro e ao prazo de devolución.

Comunicación aos interesadosParalelamente, a Consellería do Medio Rural está a remitir unha comunicación aos interesados nesta medida -fundamentalmente ás adegas- para dala a coñecer polo miúdo e para animalos a incorporarse canto antes á iniciativa. Na misiva explícanse as súas características técnicas e lémbrase que o prazo de solicitude remata o vindeiro 21 de decembro. En todo caso, recoméndase aos interesados que preparen canto antes a documentación, co fin de poder presentar a solicitude o máis axiña posible, xa que as peticións resolveranse por orde de entrada ata esgotarse as dispoñibilidades orzamentarias aprobadas.

Así mesmo, indícase aos posibles beneficiarios que poden xa ir adiantando os contactos coa entidades financeiras, dentro daquelas que están adheridas a este Instrumento Financeiro e que están relacionadas na seguinte páxina web: https://www.mapa.gob.es/es/desarrollo-rural/temas/programas-ue/periodo-2014-2020/marco-nacional/ifgc/Entidades%20Financieras.aspx.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre