Inicio Galicia A Xunta convoca o premio 'Comunicar en igualdade 2019' para recoñecer traballos...

A Xunta convoca o premio 'Comunicar en igualdade 2019' para recoñecer traballos xornalísticos que contribúan á defensa e difusión da igualdade entre homes e mulleres

0

O Premio “Comunicar en igualdade” convócase en dúas modalidades, por unha banda, para profesionais do xornalismo, e por outra banda, para alumnado universitario


O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria do ´Premio Comunicar en Igualdade 2019´, que ten por obxecto recoñecer traballos de tipo xornalístico que contribúan á defensa e difusión dos valores da igualdade entre mulleres e homes, así como á loita contra a violencia de xénero.

Trátase de premiar as boas prácticas respecto dun tratamento axeitado de asuntos de cobertura informativa diaria como poden ser o sexismo na publicidade, outros modelos de masculinidade, a violencia machista, a trata de seres humanos con fins de explotación sexual, a violencia de xénero en colectivos especialmente vulnerables, a situación da muller nos diferentes ámbitos, así como os temas relacionados en xeral coa perspectiva de xénero e coa desigualdade por razón de xénero.

O Premio “Comunicar en igualdade” convócase en dúas modalidades, por unha banda, para profesionais do xornalismo, e por outra banda, para alumnado universitario. Para os profesionais do xornalismo, premiaranse os mellores traballos informativos ou serie de pezas elaboradas individual ou colectivamente, segundo criterios de calidade, esforzo investigador e de sensibilización e axeitado tratamento informativo sobre a igualdade de xénero ou sobre a violencia de xénero. Os traballos deberán ser orixinais e en idioma galego, poderán ser de tipo impreso, dixital ou audiovisual. Poderán presentarse informacións, crónicas, entrevistas, artigos de opinión, reportaxes fotográficos, documentais ou similares; xa publicados ou emitidos nalgún medio de comunicación (xornais, radios, televisión ou páxinas web) con influencia no ámbito galego durante o ano 2018 e en 2019 ata a finalización do prazo de presentación de solicitudes. Cada participante poderá presentar un único traballo. Establécense 3 categorías de premios, cunha dotación económica de 6.000 euros, 3.000 euros e 2.000 euros.

Na categoría para o alumnado universitario, poderá participar calquera alumna ou alumno con matrícula nalgunha das titulacións impartidas no Sistema Universitario de Galicia (SUG) no curso 2018-2019. O premio outorgarase aos mellores traballos de tipo xornalístico segundo criterios de calidade, esforzo investigador e axeitado tratamento dende a perspectiva de xénero. Os traballos, en idioma galego, poderán ser de tipo impreso, dixital ou audiovisual. Valorarase que o traballo fora emitido ou publicado nalgún medio de comunicación (xornais, radios, televisión ou páxinas web) con influencia no ámbito galego durante o ano 2018 e en 2019 ata a finalización do prazo de presentación de solicitudes. Cada participante poderá presentar un único traballo. Establécense 3 categorías de premios, cunha dotación económica de 4.000 euros, 2.000 euros e 1.000 euros.

A concesión dos premios previstos nesta convocatoria realizarase con cargo aos fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. O prazo de presentación das solicitudes comezará mañá e rematará o vindeiro 16 de setembro.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre