Inicio Galicia A Xunta convoca mañá no DOG as oposicións para cubrir 305 prazas...

A Xunta convoca mañá no DOG as oposicións para cubrir 305 prazas de auxiliares de clínica, as primeiras probas desde o ano 2006

0

A oferta multiplica por seis o número de prazas da anterior convocatoria


A Xunta de Galicia convocará mañá luns no Diario Oficial de Galicia (DOG) as oposicións para cubrir 305 prazas de auxiliares de clínica na Administración galega, as primeiras probas que se celebran desde o ano 2006. As persoas que acaden unha praza neste proceso traballarán principalmente en centros de política social, atención a maiores ou dependentes.

O DOG de mañá recollerá a convocatoria do proceso selectivo para a cobertura de 305 prazas na escala de auxiliares de clínica –subgrupo C2-, o que supón multiplicar por seis os postos da anterior convocatoria, na que se incluíran 52 prazas. As oposicións son de acceso libre e, polo tanto, poderase presentar calquera persoa que cumpra os requisitos. A convocatoria establece que 76 das prazas están reservadas para a quenda de promoción interna, pero no caso de non seren cubertas, acumularanse ás de acceso libre.

Ademais, do total das prazas convocadas reservaranse 21 para ser cubertas por persoas con discapacidade cun grao igual ou superior ao 33%, e as que queden desertas tamén se acumularán ás de acceso xeral. En todos os casos, o proceso selectivo realizarase a través do sistema de concurso-oposición, polo que se terán en conta os méritos de cada persoa.

No que se refire aos requisitos, as persoas participantes deberán ter cumpridos os 16 anos e non exceder da idade máxima de xubilación forzosa. Así mesmo, teñen que estar en posesión ou en condición de obter o título de técnico/a auxiliar de clínica (FP1), técnico/a auxiliar de enfermería (módulo profesional nivel 2, rama sanitaria) ou técnico/a en coidados auxiliares de enfermería (FP de grado medio, familia profesional sanidade).20 días hábiles para anotarseAs persoas interesadas en participar no proceso selectivo terán que facelo constar no modelo de solicitude que se facilita gratuitamente na Internet, e aboar a taxa que estea vixente no momento de presentala. O prazo para formalizar as solicitudes será de 20 días hábiles, que se contarán a partir do seguinte da convocatoria no DOG.

A Consellería de Facenda agarda unha participación masiva nestas probas, polo importante volume de prazas ofertadas e polos anos que levaba sen realizarse unha convocatoria nesta escala. De feito, a previsión do Goberno galego é realizar estas probas no Recinto Feiral de Silleda, xa que cumpre cos requisitos de centralidade e seguridade.

Máis oposiciónsA Consellería de Facenda tamén convocará nos vindeiros días 269 prazas para reforzar outro servizo prioritario, o de Prevención e Extinción de Incendios Forestais. Neste eido, a Xunta realizará convocatorias para tres categorías distintas: 114 prazas de bombeiro-forestal, 80 de bombeiro forestal condutor motobomba e 75 de emisoristas-vixiantes. A titulación requirida para poder participar nestas oposicións será o título de ESO ou equivalente.

A Xunta convocará igualmente 208 prazas de persoal subalterno, é dicir, empregados públicos que traballan nas consellerías da Xunta, en centros educativos ou tamén en centros do ámbito dos servizos sociais; 54 prazas para o ámbito da seguridade e saúde no traballo, a través de sete oposicións en distintas especialidades; e outras 11 prazas para dúas escalas de alta cualificación: sete prazas nas escalas de estatística e outras catro na escala de letrados da Xunta.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre