Inicio Galicia A Xunta convoca dúas novas prazas de persoal investigador distinguido a través...

A Xunta convoca dúas novas prazas de persoal investigador distinguido a través do programa Oportunius

0
image_gallery.jpg

A Axencia Galega de Innovación (Gain) vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a iniciativa, destinada a profesionais gañadores de axudas do Consello Europeo de Investigación (ERC)


A Xunta, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), vén de convocar, mediante a súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG), dous postos de persoal investigador distinguido, no marco do programa Oportunius, que ten por obxectivo xerar, captar e reter talento investigador na Comunidade.

A iniciativa está destinada a profesionais gañadores de axudas Consolidator Grant do Consello Europeo de Investigación (ERC), que poderán optar a un contrato para desenvolver a súa actividade nunha institución pública de investigación de Galicia, en concreto, no ámbito das neruociencias ou no das ciencias humanas e sociais. O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o próximo 24 de agosto.

O programa Oportunius está dirixido a apoiar aquel persoal investigador que desexe conseguir unha axuda do ERC ou que xa a conseguiu e quere desenvolver a súa actividade investigadora en Galicia. O programa inclúe tres itinerarios, dirixidos respectivamente aos gañadores de axudas ERC, aos finalistas e aos candidatos.

O primeiro itinerario persegue a atracción, retención e retorno de persoal investigador destacado, aqueles que obtiveron unha axuda do ERC. Neste caso, o programa ofrece a opción a un contrato de persoal investigador distinguido coa Axencia Galega de Innovación; así como outros tipos de apoio aos investigadores e proxectos que contan cunha axuda do ERC que se están a desenvolver en Galicia.

O segundo itinerario ten como obxectivo impulsar o desenvolvemento do persoal investigador cunha traxectoria consolidada e que superase a Fase 1 de avaliación dunha axuda do ERC. Neste itinerario, Oportunius ofrece apoio económico aos proxectos dos finalistas para incrementar as súas posibilidades de éxito nunha futura presentación a unha nova convocatoria.

Por último, o terceiro itinerario busca favorecer a participación nas convocatorias de ERC daquel persoal investigador que demostre un alto potencial e unha carreira investigadora prometedora en Galicia, para o que o programa ofrece formación, asesoramento e revisión do currículo e da idea de proxecto.

Ata a data, o programa ten impulsado tres contratos Oportunius a investigadores ERC (Diego Martínez, da Universidade de Santiago de Compostela; Elena Ojea, da Universidade de Vigo; e Rubén Nogueiras, da Universidade de Santiago de Compostela). En total, apoiouse a 16 gañadores de axudas do ERC das tres universidades galegas e do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC), que desenvolven un total de 22 proxectos. Ademais, contaron con apoio do programa Oportunius 15 finalistas ERC, e avaliáronse máis de 110 candidaturas. Por outra banda, desenvolvéronse 11 talleres de formación nos que participaron máis de 190 persoas.

O programa Oportunius enmárcase no programa Talento 2021, impulsado pola Xunta de Galicia para xerar, reter e atraer 1500 profesionais a Galicia para actividades de I+D+i, estimándose a mobilización de preto de 47 millóns. Talento 2021 tamén inclúe accións como o Principia, que ten permitido a contratación de 553 profesionais de ata 35 anos en actividades de I+D+i; Talento Sénior, que ten permitido a contratación de 36 profesionais de alta cualificación cunha traxectoria profesional de máis de cinco anos en tres edicións; Ignicia, que ten creado ou mantido máis de 120 empregos cualificados a través do apoio a proxectos de investigación con potencial de chegar ao mercado; ou as axudas aos investigadores para desenvolver a súa carreira predoutoral e postdoutoral. En conxunto, a través destes programas, cóbrense todos os itinerarios laborais da innovación (desde a investigación pública á empresarial, nas modalidades júnior e sénior).

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre