Inicio Galicia A Xunta convoca as axudas do programa Principia para favorecer a contratación...

A Xunta convoca as axudas do programa Principia para favorecer a contratación de 110 mozos e mozas cualificados en empresas e organismos de investigación

0

Francisco Conde analizou coa Alianza Intersectorial de Galicia (Atiga) os resultados de 2018 das iniciativas levadas a cabo polos centros tecnolóxicos

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo hoxe en Vigo unha xuntanza co presidente da Alianza Intersectorial de Galicia (Atiga), Juan Manuel Vieites, para avaliar os resultados de 2018 das iniciativas postas en marcha de xeito coordinado para impulsar na industria galega o liderado de proxectos innovadores, así como as posibilidades de colaboración para este ano.

Conde destacou a importancia de seguir apoiando o labor dos centros tecnolóxicos para converter o coñecemento en valor de mercado para satisfacer a demanda de tecnoloxía que ten a industria e as empresas. Segundo explicou o conselleiro, o desenvolvemento de proxectos de I+D permitiu que Galicia fora en 2017 a segunda Comunidade Autónoma de España onde máis creceu o gasto de I+D no eido empresarial, triplicando o esforzo que está a facer o resto do Estado.

Para acadar este reto a Xunta conta con diversos programas como as axudas do Principia que se publicaron hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), en concreto, a cuarta convocatoria desta iniciativa destinada a impulsar a contratación de persoal mozo e cualificado por parte de empresas e organismos de investigación, para abordar actuacións de investigación, desenvolvemento e innovación. O obxectivo é conseguir que os centros tecnolóxicos poidan incorporar talento e novos investigadores ao seu cadro de persoal.

Cun orzamento de 1,1M€, o obxectivo é favorecer a contratación de 110 persoas durante un período mínimo dun ano, para o que se outorgarán axudas de 10.000 euros por contrato. O prazo de solicitude rematará o próximo 11 de abril.

Como principais novidades da convocatoria destacan que se diminúe o número máximo de contratos a conceder por entidade (serán dous en vez de cinco, aínda que se hai remanentes poderase chegar a un máximo de cinco en vez dos 10 da última edición) para incrementar o número e variedade de tipoloxías de entidades beneficiarias; mellórase o reparto porcentual de beneficiarios entre empresas e organismos de investigación; auméntase a puntuación en aspectos como formación e capacitación de persoal ou por contratación de mulleres. Ademais, ampliarase o prazo de presentación de solicitudes ata tres meses.

Nas tres edicións anteriores, e, segundo explicou Conde, este programa pioneiro lanzado en 2016 xa ten permitido a contratación de 366 profesionais de ata 35 anos en actividades de I+D+i. Así, a Xunta promove a incorporación, atracción e retención de talento en Galicia, e asegura unha capacitación integral das persoas especializadas en I+D+i que reforce a absorción do coñecemento, a empregabilidade e dinamice a capacidade do sistema innovador galego.

Apoios á dixitalizaciónA Consellería de Economía, Emprego e Industria conta ademais con axudas á dixitalización das pemes ás que este ano se destinan 5 millóns de euros. A primeira das convocatorias tamén saíu hoxe publicada no DOG, cun prazo de solicitude que remata o 15 de marzo. En xuño estímase publicar unha segunda.

O reto, en palabras do conselleiro, é fortalecer con estes programas unha maior colaboración entre todos os actores do sistema para que Galicia poida liderar proxectos innovadores. Para o titular de Economía, é preciso seguir impulsando un maior aliñamento do traballo que realizan os centros tecnolóxicos coas necesidades do tecido industrial, xa que hoxe en día actúan como auténticas unidades de I+D+i para os sectores estratéxicos da economía galega e para as pequenas e medianas empresas que non poden dispoñer destes medios por si mesmas.

Neste campo, a Xunta tamén conta cos Contratos-Programas que a Xunta asina cos centros tecnolóxicos e que en 2018 acadou un orzamento de 1,8 millóns; coas 23 Unidades Mixtas de Investigación nas que participan os centros tecnolóxicos; cos apoios do Interconecta e Conecta Peme nos que se levan investidos 34,5 millóns en 213 proxectos; ou co traballo de estudo que a Xunta desenvolve en colaboración co Atiga no Observatorio Industria 4.0. En total, desde 2009 a Xunta leva apoiado os centros tecnolóxicos galegos con máis de 131,5 millóns de euros.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre