Inicio Galicia A Xunta convoca as axudas ao talento audiovisual galego para escrita de...

A Xunta convoca as axudas ao talento audiovisual galego para escrita de guións e produción de curtas e longametraxes

0

Mantén a dotación de 156.000 euros, a través da que se subvencionarán 15 novos proxectos cinematográficos

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria das súas subvencións ao desenvolvemento e promoción do talento audiovisual galego para 2020, a través das que achegará 156.000 euros a 15 novos proxectos cinematográficos de escrita de guión e de produción de longas e curtametraxes.

As axudas, xestionadas pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) dentro do programa de fomento do sector audiovisual da Consellería de Cultura e Turismo, reservan 30.000 euros para a escrita de seis guións de longametraxes cinematográficas en galego, 36.000 euros para a produción de seis proxectos de curtametraxes en versión orixinal galega e 90.000 euros para tres longametraxes con dirección novel.

Estas subvencións autonómicas ao talento, pioneiras no seu ámbito dentro do panorama audiovisual español, buscan favorecer a incorporación da nova creación á industria galega coa finalidade de promover a xeración de propostas narrativas de especial valor cinematográfico, así como de contribuír ao enriquecemento cultural de Galicia mediante as distintas formas de expresión audiovisual.

Entre as adxudicatarias de 2019, atopábanse tres propostas de realizadores que están a dar os seus primeiros pasos no formato de longa duración: O auto das ánimas, segunda longametraxe de Diana Toucedo tras o seu debut con Trinta lumes; Luz Fandiño, a poeta analfabeta, documental de Sonia Méndez; e Jacinto, de Vizuals Lab con dirección de Javi Camino. Así mesmo, apoiáronse os proxectos de guión presentados por Lara Bacelo, Anxos Fazáns, Álvaro Gago, Javier Ferreiro López, Eloy Domínguez Serén e Alfonso Vázquez Cortizo, ademais das curtametraxes de Nuria Mosqueira, Brandán Cerviño, Santiago Diéguez, Noelia Muíño, Iván Torres Hernández e Antonio García Mejuto.

O prazo de presentación de solicitudes para a convocatoria de 2020 estará aberto desde mañá e ata o 20 de xaneiro de 2020.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre