Inicio Galicia A Xunta convoca a primeira edición do Certame de Materiais Innovadores de...

A Xunta convoca a primeira edición do Certame de Materiais Innovadores de Galicia

0
image_gallery.jpg

Calquera persona ou entidade pode propoñer candidatos ao certame, que contempla catro categorías, ata o 24 de febreiro de 2021


A Xunta de Galicia abre a partir de hoxe o prazo para presentar propostas á primeira edición do Certame de Materiais Innovadores de Galicia. Mediante esta iniciativa búscase identificar e promocionar os materiais máis innovadores desenvolvidos nos últimos anos por empresas e centros de coñecemento galegos.

O certame foi presentado pola directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, durante o workshop do ciclo Materiais do futuro celebrado esta mañá en formato virtual. Segundo expuxo, o seu obxectivo último é identificar, potenciar e difundir os novos materiais creados en Galicia e poñer en valor o esforzo de I+D que se realiza neste campo desde as empresas e grupos de investigación.

Argerey destacou que calquera persoa ou entidade pode propoñer materiais ao certame, xa sexa como creadora, como usuaria ou simplemente en calidade de interesada neste campo de coñecemento, ata o 24 de febreiro de 2021.

O concurso, organizado no marco do Programa de Deseño para a Innovación a través da Materioteca de Galicia, contempla catro categorías. A primeira delas distinguirá o mellor material obtido de procesos artesanais ou con limitada capacidade de produción. A segunda e a terceira buscan os materiais máis innovadores creados, dunha banda, por empresas e, da outra, por grupos de investigación de universidades, centros de investigación ou centros tecnolóxicos. Por último, destacarase o mellor material desenvolvido por un grupo mixto formado por empresas e centros de coñecemento ou por unha agrupación de empresas, en calidade de participantes nalgún proxecto financiado con fondos públicos autonómicos, estatais ou europeos.

Segundo explicou a directora de Gain, os criterios de valoración por categorías terán en conta o grao de madurez tecnolóxica, o recoñecemento do sector, a sustentabilidade, a utilidade e hixiene sanitaria, o grao de innovación e se o material está patentado ou rexistrado.

A entrega das distincións honoríficas ás entidades responsables dos materiais gañadores terá lugar durante un evento público. Ademais, estes materiais serán incluídos na exposición permanente e na base de datos da Materioteca de Galicia, así como nunha monografía especial que se editará tanto en papel como en formato dixital para darlle difusión dentro e fóra de Galicia. Tamén pasarán a formar parte da materioteca de Materially e serán promocionados mediante unha exposición itinerante por varias cidades de toda España, o que contribuirá a ampliar a difusión dos materiais galegos distinguidos.

Novas propostas para o contractA presentación do certame tivo lugar durante a celebración do workshop Materiais para o contract, no que dúas empresas e dous centros de coñecemento galegos presentan os seus materiais innovadores creados especificamente para este sector, que aglutina ás empresas de mobiliario, iluminación, tecidos, equipamento, deseño de interiores e decoración.

Materiais intelixentes para a arquitectura singular procedentes do sector da automoción, formigóns formulados a partir de cunchas de mexillón, valorización de cinzas industriais para a ecoconstrución e materiais para illamento acústico, foron os protagonistas dos relatorios dos representantes do Centro Tecnolóxico de Automoción (CTAG), o Grupo de Construción da Universidade da Coruña (UDC) e as empresas Extraco e Vertisol. No workshop fíxose tamén un percorrido por unha selección internacional de novos materiais sustentables para o contract, da man de Materially.

Ademais, desde o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e a Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) foron expostas as liñas públicas de apoio para este sector. Desde o Igape explicaron que o potencial da industria e dos servizos existentes en Galicia para o contract xustifican que desde a Xunta se estea apoiando a súa expansión internacional a través de accións especificamente deseñadas e orientadas a mellorar a formación, a competitividade, a notoriedade, a cooperación e o posicionamento.

Ignacio Lema, director de Xera, destacou as iniciativas de fomento da divulgación e formación sobre a certificación forestal e a cadea de custodia, así como as axudas para a implantación desta última. Ademais, lembrou que a axencia que dirixe participa en proxectos de innovación europeos para a valorización de residuos agrarios e forestais e a obtención de composites sustentables, ao tempo que promociona o uso da madeira en proxectos de construción a través de diversas iniciativas.

O ciclo Materiais para o futuro consta de tres workshops online destinados a explorar as oportunidades de futuro que ofrecen os novos materiais para a innovación empresarial mediante o deseño. O último terá lugar o 12 de novembro e estará dedicado ás oportunidades e novas tendencias no ámbito do CMF (cor, materiais e acabado).

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre