Inicio Galicia A Xunta convida a editores de Turner e Rinoceronte a un novo...

A Xunta convida a editores de Turner e Rinoceronte a un novo foro #aculturasegue centrado nos retos do libro na era post covid-19

0

Este cuarto webinario dos ‘Foros #aculturasegue: reflexións sobre a cultura na era post covid-19’ terá lugar o xoves 4 de xuño ás 17,00 horas conducido polo director xeral de Políticas Culturais e poderá seguirse en cidadedacultura.gal


Os desafíos aos que se enfronta no contexto actual o sector do libro será o tema central do debate no cuarto webinario convocado polos Foros #ACULTURASEGUE. Reflexións sobre a cultura na era post-covid-19. A sesión, que terá lugar este xoves 4 de xuño ás 17,00h, contará coa participación do director da editorial Turner, Santiago Fernández de Caleya, e coa xornalista e responsable de edición de Rinoceronte Editora, Anxa Correa. O encontro estará ademais conducido polo director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo.

A sesión proponse analizar cuestións de fonda actualidade para os profesionais do ámbito da edición no momento actual, un sector marcado polo impacto económico da crise sanitaria en editoriais e librarías, os aprazamentos de eventos como feiras ou presentacións, o parón no lanzamento de novidades editoriais, ou os novos desafíos que se presentan ante o libro dixital. A actividade, dirixida a profesionais do eido cultural e a todo tipo de público interesado, está organizada pola Consellería de Cultura e Turismo, a través da Fundación Cidade da Cultura de Galicia no marco do Xacobeo 2021. Forma parte do Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da covid-19 e poderá seguirse de balde por videoconferencia en cidadedacultura.gal.

A conversa contará coa participación do director da editorial Turner, Santiago Fernández de Caleya (Málaga, 1965), que situou a editorial como un referente tanto en España como en México, grazas á súa destacada produción ensaística e á publicación de coidadas e artísticas edicións que se contan entre os libros máis fermosos do mundo. Tras un periplo vital e formativo por España, Venezuela e Reino Unido, Fernández de Caleya comeza a súa carreira profesional na banca de inversión. Tras participar na fundación da produtora de cine independente Morena Films, dá o salto ao mundo editorial en Turner, sendo desde 2006 o seu director xeral. Na actualidade, reparte o seu tempo entre México e Madrid. Con máis de 40 anos e 3.000 títulos publicados, Turner está especializada en libros de arte e ilustrados, ademais de coleccións de ensaio e non ficción. Ofrece servizos editoriais de gran calidade a institucións culturais e corporativas como museos e empresas de España, México, Estados Unidos e Gran Bretaña, entre outros países.

Estará acompañado de Anxa Correa (Vigo, 1983), xornalista e responsable de edición en Rinoceronte Editora, a primeira editorial especializada na publicación de obras traducidas ao galego, nacida en Cangas no ano 2005 coa intención de importar para a nosa lingua literatura estranxeira, fundamentalmente recente, e en especial de ámbitos culturais e lingüísticos inéditos en galego. Licenciada en Xornalismo pola USC, Correa foi responsable da sección de Cultura da Axencia Galega de Noticias entre os anos 2006 e 2008 e posteriormente no Diario de Pontevedra, onde traballou como infografista e redactora. A experiencia en medios de comunicación e formación gráfica e lingüística, así como a súa afección á lectura e compromiso coa lingua, outórganlle una importante bagaxe no desenvolvemento do seu traballo en Rinoceronte ao longo dos últimos oito anos.

Reflexións sobre a cultura na era post-COVID-19Os Foros #aculturasegue consisten nunha serie de encontros online –en formato webinario– con especialistas procedentes de distintos campos das industrias creativas. Propóñense convidar á reflexión e á análise dos retos aos que se enfronta o sector no contexto actual de emerxencia sanitaria, e das implicacións que as medidas de contención da covid-19 están a provocar nas empresas e profesionais da cultura.

As súas tres primeiras entregas centráronse nos retos para o sector da música clásica -–coa participación do ensaísta e crítico Juan Ángel Vela del Campo e a directora técnica da Real Filharmonía de Galicia, Sabela García Fonte– o das artes escénicas –cos directores artísticos de La Fura dels Baus, Carlus Padrissa, e Voadora, Marta Pazos– e na creación de contidos dixitais –coa responsable de programas virtuais do Museo Reina Sofía, Olga Sevillano Pintado, e do coordinador de proxectos dixitais do Consello da Cultura Galega, Manuel Gago Mariño–.

Ambos puideron seguirse por videoconferencia –coa posibilidade de establecer un diálogo cos relatores participantes– e poden ser vistos novamente na canle de YouTube da Cidade da Cultura de Galicia.

En vindeiros foros trataranse temas como os desafíos aos que se enfronta o sector das artes plásticas na era post covid-19; os novos formatos, mercados ou fórmulas de xestión de dispositivos; ou o novo perfil de consumidor e a superación da desconfianza na asistencia a eventos culturais no contexto da chamada nova normalidade.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre