Inicio Galicia A Xunta converte o Gaiás nun efémero cinema de outono para acoller...

A Xunta converte o Gaiás nun efémero cinema de outono para acoller un ciclo familiar con filmes da mostra 'Cinema e Emocións'

0
image_gallery.jpg

As películas ‘Inside out’, ‘Le Havre’, ‘Ma vie de courgette’ e ‘Persépolis’ forman a carteleira para todos os públicos de ‘Domingos de cinema e emocións’ As proxeccións serán os días 18 e 25 de outubro e os 1 e 8 de novembro ás 17,00 horas no Auditorio 1 do Edificio CINC da Cidade da Cultura de Galicia


A Xunta de Galicia converterá a Cidade da Cultura nun efémero cinema de outono para proxectar as tardes dos domingos 18 e 25 de outubro e 1 e 8 de novembro un pequeno ciclo familiar cos filmes Inside out, Le Havre, Ma vie de courgette e Persépolis, fitas que forman parte do amplo percorrido cinematógrafico da exposición Cinema e emocións. Unha viaxe á infancia do Museo Centro Gaiás. A mostra –organizada por La Cinémathèque française e a Fundación "La Caixa" en colaboración coa Xunta de Galicia no marco do Xacobeo 2021– pon en valor o papel que ten a sétima arte no desenvolvemento persoal durante a nenez, a través dunha viaxe por filmes de diferentes épocas que marcaron tamén a diferentes xeracións.

A selección de películas do ciclo Domingos de cinema e emocións tivo en conta que se tratasen de filmes para todos os públicos, co obxecto de fomentar plans interxeracionais, pero tamén actividades que sementen interese pola arte e pola cultura entre a cativada, ofrecéndolles ademais contidos de calidade que esperten e alimenten o seu espírito crítico.

Deste xeito, as fitas abordan a importancia da xestión das emocións na infancia (Inside out), o dereito irrenunciable a unha vida digna das persoas inmigrantes (Le Havre), a realidade da orfandade (Ma vie de courgette) e a revolución islámica desde a perspectiva dunha nena iraniana (Persépolis).

Entradas á venda para a primeira proxecciónAs entradas –dobres ou cuádruplas– para a primeira proxección do 18 de outubro, Inside out de Pete Docter, están xa á venda en www.ataquilla.com a 3 euros por persoa. Nos seguintes días irase abrindo a billeteira en liña para o resto dos filmes do ciclo, onde se aplicará o estrito protocolo de medidas sanitarias da covid-19.

Na web da Cidade da Cultura de Galicia –www.cidadedacultura.gal– ofrécese información máis polo miúdo destas medidas e tamén de todas as películas que forman parte do ciclo. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre