Inicio Galicia A Xunta contribuirá a financiar a nova residencia para discapacidade en Pontevedra...

A Xunta contribuirá a financiar a nova residencia para discapacidade en Pontevedra da asociación Xoán XXIII

0

Achega 180.000 euros con cargo ao 0,7% do IRPF de 2018 para a construción deste novo equipamento


A conselleira de Política Social, Fabiola García, sinalou esta mañá que a Xunta de Galicia aumentará a colaboración coa Asociación Xoán XXIII, para o que financiará parte da nova residencia para persoas con discapacidade que esta entidade prevé construír en Pontevedra. Díxoo na visita aos centros de día e ocupacional que Xoán XXIII ten en servizo no municipio, durante a que gabou os 50 anos de traxectoria desta en favor da mellora da calidade de vida destas persoas e das súas familias.

Fabiola García explicou que a futura residencia a entidade é un dos proxectos que o Goberno galego financiará con cargo á convocatoria de subvencións do 0,7% do IRPF correspondente ao ano 2018. En concreto, a Administración autonómica achegará 180.000 euros a esta actuación que suporá un importante avance na atención á discapacidade en Pontevedra e na súa área de influencia.

Deste xeito, a Xunta amplía a súa colaboración coa Asociación Xoán XXIII á que destina na actualidade 1,5 millóns de euros para financiar 166 prazas nos centros de día e ocupacionais que a entidade ten en Pontevedra e en Cangas, así como nas vivendas e pisos tutelados que xestiona no concello pontevedrés.

Campamentos Special OlympicsA conselleira de Política Social participou tamén hoxe na presentación do programa de vacacións de verán de Special Olympics, que conta co apoio da Xunta de Galicia. Esta iniciativa fai posible que 325 persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento desfruten as vacacións en estadías en diferentes puntos de Galicia.

Na súa intervención, Fabiola García salientou o esforzo e compromiso das entidades que actúan no ámbito da discapacidade a prol da plena inclusión, ao que contribúen programas como este de Special Olympics. Así mesmo, avogou por continuar co traballo conxunto e coordinado entre Administracións, entidades e empresas para que Galicia sexa un lugar mellor, máis solidario, hospitalario a acolledor con todas as persoas máis alá das capacidades que teñan.

Por último, a conselleira lembrou que todos os campamentos da Campaña de Verán da Xunta de Galicia están abertos a persoas con discapacidade, e ademais este colectivo ten unha convocatoria específica para persoas de entre 11 e 40 anos. En total, a Consellería pon a disposición destas persoas outras 332 prazas nas diferentes actividades estivais. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre