Inicio Galicia A Xunta contratará centros de emprego de persoas con discapacidade para a...

A Xunta contratará centros de emprego de persoas con discapacidade para a xestión da central de reservas do transporte público baixo demanda

0

Vázquez Mourelle explica que os novos contratos do Plan de transporte público de Galicia permitirán seguir avanzando na mellora da accesibilidade e na prestación dun mellor servizo ás persoas que teñen necesidades especiais de desprazamento


A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, mantivo hoxe unha xuntanza co vicepresidente de COGAMI, Ramón Sestayo, na que lle avanzou que a Xunta contratará centros especiais de emprego con persoas con discapacidade para a xestión da central de reservas dos servizos de transporte público baixo demanda.

Vázquez Mourelle explica que se trata dun proceso de licitación dirixido a centros especiais de emprego ou empresas de inserción para xestionar as consultas e reservas de transporte a demanda que se soliciten a través da central de chamadas. Neste sentido, COGAMI xa trasladou o seu interese de participar neste procedemento a través do seu Centro Especial de Emprego, Combina Social S.

L.

Neste encontro abordouse o Plan de transporte público de Galicia, que fomenta a implantación de vehículos accesibles para acadar un parque móbil acorde ás demandas de desprazamento das persoas con mobilidade reducida.

A conselleira destacou que os novos contratos de transporte que se poñan en marcha neste ano permitirán seguir avanzando na mellora da accesibilidade e na prestación dun mellor servizo ás persoas que teñen necesidades especiais de desprazamento.

Lembrou que xa nos contratos que entraron en servizo en agosto de 2017 se valorou o compromiso das empresas adxudicatarias de incorporar vehículos accesibles e informou de que a Xunta está a seguir esta filosofía na licitación dos 100 contratos de transporte que está en marcha, pois os pregos recollen como condicións esenciais dos contratos obrigas en materia de accesibilidade, co obxectivo de garantir a incorporación do maior número de vehículos adaptados posibles e que estes melloren a oferta de servizos.

Ethel Vázquez avogou por profundizar na colaboración a prol dunha maior accesibilidade no transporte, tanto a través das infraestruturas, como as estacións intermodais, como dos servizos.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre