Inicio Galicia A Xunta continuará a financiar a actividade das Casas Niño que rematan...

A Xunta continuará a financiar a actividade das Casas Niño que rematan este ano a experiencia piloto

0

Trátase de garantir a continuidade destes servizos de atención á primeira infancia e de conciliación que son gratuítos para as familias e que se localizan en concellos de menos de 5.000 habitantes


A Consellería de Política Social abre a posibilidade de que as Casas Niño que en 2019 rematan a experiencia piloto, a cal tiña unha duración de tres anos, continúen a recibir axudas para o seu funcionamento. Así o indicou a directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, nun encontro coas persoas promotoras destes servizos na provincia de Lugo e no que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro.

Amparo González está a celebrar xuntanzas coas persoas responsables das Casas Niño que están en funcionamento nas catro provincias galegas, co obxectivo de dar conta desta proposta de continuar a financiar as actividades que desenvolven. O obxectivo é garantir a continuidade destes recursos de atención á primeira infancia e de conciliación abertos ao abeiro da primeira convocatoria de axudas de 2016. Estas reunións tamén serven para compartir e poñer en común experiencias, coa finalidade de avanzar na mellora do servizo.

Na provincia lucense son 16 as propostas de Casas Niño que contan co apoio financeiro da Xunta para levar a cabo a súa actividade, ao abeiro das tres convocatorias de axudas realizadas ata o día de hoxe e que se corresponden cos exercicios de 2016, 2017 e 2018. O Goberno galego está a elaborar unha nova convocatoria para este ano, que permitirá a creación de 15 novos recursos deste tipo en concellos galegos de menos de 5.000 habitantes.

As Casas Niño son recursos gratuítos para as familias que ademais de facer máis doado conciliar, contribúen a fixar poboación no rural e a dinamizar a economía local. Cada unha delas atende de maneira personalizada e nun horario flexible de luns a venres ata un máximo de 5 nenas e nenos de 0 a 3 anos. Na actualidade, hai 61 recursos deste tipo repartidos por toda a xeografía galega e serán 76 cando ao remate desta lexislatura.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre