Inicio Galicia A Xunta continúa hoxe coas doazóns ao abeiro de Mercaproximidade e entrega...

A Xunta continúa hoxe coas doazóns ao abeiro de Mercaproximidade e entrega produtos do agro galego á asociación viguesa Vida Digna

0

O Goberno galego segue así comprando alimentos para distribuír non só en entidades e comedores sociais, senón tamén en hospitais da comunidade


A Consellería do Medio Rural fai hoxe entrega dunha partida de produtos do agro galego á asociación sen ánimo de lucro Vida Digna, para seguir favorecendo a atención dos colectivos máis vulnerables durante a emerxencia sanitaria. En concreto, a entidade viguesa recibirá queixos, patacas e varias pezas de carne de tenreira, cordeiro, cabrito e porco celta.

Sen saír da provincia, onte mesmo Medio Rural entregou varios tarros de mel, quilos de queixo, patacas e carne de porco celta ao comedor San Francisco de Pontevedra. As doazóns súmanse ás xa realizadas polo Goberno galego a outras entidades sociais como o Banco de Alimentos de Lugo, que distribuíu entre as sedes de Cáritas de toda España 100 toneladas de patacas. A esta cantidade de tubérculo hai que engadir outras 30 toneladas cedidas de xeito desinteresado por un produtor da Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia (Adegal).

A maiores, nos últimos días tamén se repartiron diversos produtos agroalimentarios en hospitais da comunidade. En concreto, nos complexos hospitalarios universitarios da Coruña, Santiago, Ourense e Lugo, así como nos centros de Monforte de Lemos e da Mariña. Nas próximas xornadas tamén se levarán alimentos ao hospital de Ferrol.

A compra de produtos agrogandeiros galegos por parte da Xunta lévase a cabo ao abeiro da rede Mercaproximidade, creada pola Consellería do Medio Rural co fin de axudar aos agricultores e gandeiros afectados polo peche da hostalaría e a restauración, así como pola suspensión dos mercados locais ata este pasado luns.

Dende a posta en marcha desta nova fórmula de venda o 15 de abril, arredor de 400 industrias transformadoras e produtores adheríronse a Mercaproximidade, para dar saída aos seus produtos. Da banda da distribución, colaboran un total de dez cadeas: Gadis, Froiz, Vegalsa-Eroski -cos seus establecementos Eroski e Familia-, El Corte Inglés -cos establecementos Hipercor e Supercor-, Carrefour -cos seus centros Carrefour e Carrefour Market-, Grupo Cuevas -cos seus supermercados Plenus, Aquié e Aquí-, Lidl, Alcampo, Coviran e DIA.

A iniciativa permanece aberta a todas aquelas cadeas, empresas que subministran a colectividades e plataformas de venda online que desexen sumarse, co obxecto de garantir o mantemento das explotacións agrogandeiras galegas para contribuír ao futuro do rural.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre