Inicio Galicia A Xunta continúa co seu programa de capacitación de xestores de transferencia...

A Xunta continúa co seu programa de capacitación de xestores de transferencia de coñecemento para mellorar os procesos de valorización e comercialización dos resultados da I+D

0

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación, e a Fundación Barrié celebran esta semana en liña a segunda acción formativa incluída no programa Ignicia


A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, destacou na apertura do curso online Transferencia de Tecnoloxía: Valoración e Negociación, ao que están a asistir 60 profesionais da transferencia da tecnoloxía e do coñecemento en Galicia, que un dos efectos da pandemia é que contribuíu a mellorar a percepción social sobre a investigación como resposta aos retos globais. Deste xeito, apuntou a necesidade de aproveitar esta oportunidade para poñer de relevancia que a transferencia de coñecemento, desde o laboratorio ata o mercado, debe ser o resultado dun proceso profesionalizado, áxil e eficiente.

Pola súa banda, Carmen Arias, directora da Fundación Barrié, destacou o compromiso da súa entidade coa ciencia e a investigación en Galicia, cunha traxectoria de máis de 50 anos, e, en concreto, na última década co impulso á transferencia de coñecemento, que se converteu no seu obxectivo prioritario e que os levou a impulsar xunto a Gain o programa Ignicia. Este programa de capacitación ofrece aos profesionais da transferencia, ademais da formación da man dos mellores expertos internacionais, os medios para obter un recoñecemento internacional, a certificación Registered Technology Transfer Professionals (RTTP), e deste xeito contribuír a ampliar as súas oportunidades profesionais.

Con este obxectivo a Axencia Galega de Innovación da Consellería de Economía, Emprego e Industria, organiza, en colaboración coa Fundación Barrié, a segunda acción formativa do Programa de acreditación RTTP, que busca a obtención por parte dos xestores de transferencia de coñecemento e tecnoloxía galegos, deste estándar internacional para acreditar a competencia e experiencia deste colectivo.

Este curso, que se celebrará en liña desde hoxe e ata o 12 de xuño, forma parte do programa de Capacitación para Xestores de Transferencia desenvolto no marco do Programa Ignicia, que integra diversas actuacións de fortalecemento das capacidades do Sistema Galego de Innovación para mellorar a abordaxe de procesos de identificación, valorización e comercialización de resultados de I+D.

Nesta ocasión, a formación céntrase na valoración e negociación e nel abordaranse aspectos relacionados co desenvolvemento de negocio e a comercialización do coñecemento, en resposta ás demandas do colectivo recollidas nas entrevistas que se están a levar a cabo para realizar unha análise funcional e organizativa das unidades de transferencia dos centros de coñecemento do Sistema Galego de Innovación. O curso será impartido por expertos internacionais procedentes da consultora Oxentia, compañía de transferencia de tecnoloxía da Universidade de Oxford.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre