Inicio Galicia A Xunta contará con 10 drons máis na tempada de alto risco...

A Xunta contará con 10 drons máis na tempada de alto risco para reforzar os medios na loita contra os incendios forestais

0

O vicepresidente da Xunta e o conselleiro do Medio Rural presidiron hoxe a reunión do Comité Integrado de Prevención de Incendios de Galicia (CIPIG)

A Xunta contará este ano na tempada de alto risco de incendios con 10 drons máis, que se sumarán aos 2 do ano anterior. En total, estes 12 drons permitirán localizar incendiarios e mellorar a vixilancia preventiva, a detección e a extinción de lumes, así como dar apoio ao traballo que desenvolven as Brigadas de Investigación de Incendios Forestais (BIIF). Deste xeito, refórzanse os medios dispoñibles que desprega o Executivo galego durante a tempada de alto risco de incendios.

Así o destacou hoxe o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, que xunto ao conselleiro do Medio Rural, José González, e o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, presidiron a reunión do Comité Integrado de Prevención de Incendios de Galicia (CIPIG) para este ano 2020.

Este comité, que está operativo dende hoxe ata o vindeiro 30 de setembro, ten como finalidade coordinar as actuacións da Xunta e do Goberno central en materia de prevención e loita contra os incendios forestais na Comunidade Autónoma de Galicia, co fin de sumar sinerxías e minimizar os danos ocasionados por esta lacra que afecta ao noso patrimonio forestal.

Neste senso, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou a importancia da coordinación e da cooperación entre administracións para conseguir facer fronte con maior eficacia aos incendios forestais. Ao respecto, puxo en valor que a reunión de hoxe serve para “poñer en común” e “dar os últimos toque de coordinación” antes do comezo da tempada de alto risco, que comeza hoxe.

Durante esta época de alto risco, a Xunta mobiliza na loita contra o lume máis de 7.000 efectivos, entre os propios da Xunta e os do Estado, así como uns 30 medios aéreos e 360 motobombas, tal como se establece no Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga) para este ano 2020.

Ademais, como unha das novidades este ano, o Goberno galego aposta por mellorar as condicións laborais dos traballadores do Servizo, os empregados fixos descontinuos estarán despregados este ano un total de seis meses, de maio a novembro, o que supón o dobre do tempo que en 2017, cando só traballaban un trimestre.

Finalmente, cómpre recordar que segue activo o número de teléfono anónimo de denuncia dos incendiarios, o 900 815 085, que permite fomentar a cooperación cidadá contra a actividade incendiaria, xa que os veciños poden alertar sobre actividades sospeitosas subministrando calquera información que aporte valor nunha investigación policial presente e futura. Así mesmo, tamén lembrou que está a disposición da cidadanía o servizo gratuíto 085, ao que se debe chamar no caso de detectar un incendio forestal.

O vicepresidente fixo un “chamamento á prudencia” e recordou que “queimar o monte é un delito”, polo que a Xunta e forzas e corpos de seguridade estarán vixilantesMembros do CIPIGNa reunión tamén participaron o director xeral de Protección Civil e Emerxencias, Leonardo Marcos; o subdirector xeral de Cooperación e Defensa Civil, Luis Miguel Yagüe; o subdirector xeral de Política Forestal e Loita contra a Desertificación, José Manuel Jaquotot; o coronel xefe da Plana Maior da Garda Civil en Galicia, Manuel Javier Novo Colldefors; o xefe superior da Policía Nacional en Galicia, José Luis Balseiro; e o tenente coronel xefe do V Batallón da UME, José Alberto Barja.

En representación do Goberno galego, tamén estiveron presentes o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva; o director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto; e o comisario xefe da Policía Autonómica en funcións, Antonio Fernández Criado.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre