Inicio Galicia A Xunta construirá a nova residencia de maiores de Pontevedra nunha parcela...

A Xunta construirá a nova residencia de maiores de Pontevedra nunha parcela do barrio da Parda

0

No terreo que vai ceder o Concello, de 3600 metros cadrados e moi próximo a un centro de saúde con PAC, sitúase a día de hoxe un aparcamento disuasorio

Pontevedra, 2 de xullo de 2019.- A conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou hoxe a importancia de que as Administracións públicas cheguen a acordos para avanzar na mellora da calidade de vida e o benestar das persoas. Díxoo na visita á parcela do barrio da Parda na que se emprazará a nova residencia de maiores que construirá a Xunta en Pontevedra, na que estivo acompañada polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores. Fabiola García agradeceu a colaboración do Concello para poñer á disposición da Xunta de Galicia os terreos necesarios para construír o novo equipamento. A parcela que se vai ceder alberga hoxe un aparcamento disuasorio e ten 3600 metros cadrados de superficie. Está situada fronte ao Conservatorio e moi preto do centro de saúde e PAC da Parda.

A conselleira explicou que, dos terreos que ofreceu nun primeiro momento o Concello, a Xunta expresou a súa preferencia pola chamada Unidade 18, entre as rúas Joaquín Costa e 12 de Novembro, e mais por esta parcela da Parda, que foi a acordada finalmente tralas conversas coa Administración local. Mentres se formaliza a cesión e se ultiman os trámites, como que o Concello cambie os usos do terreo para catalogalo como dotacional sociosanitario —na actualidade é dotacional educativo—, a Xunta irá avanzando na redacción do anteproxecto da nova residencia. Esta terá unha capacidade de 120 prazas e o investimento previsto na súa construción e entrada en servizo ascende a 10 millóns de euros. Sete residencias para as sete grandes cidadesO futuro centro de Pontevedra forma parte do Plan Como na casa, que permitirá a posta en marcha de sete novas residencias nas sete grandes cidades galegas, dotando as principais zonas urbanas de Galicia de 900 novas prazas de atención a maiores dependentes: 150 en Vigo e na Coruña, e 120 en Ourense, Lugo, Santiago, Ferrol e Pontevedra. Para dotalas do persoal necesario, prevese a creación duns 500 empregos. Contémplase un investimento total de 66 millóns de euros, cuxa primeira partida xa está consignada nos Orzamentos de 2019. Todas as residencias contarán cun deseño moderno e integrarán os avances arquitectónicos e tecnolóxicos centrados en favorecer a calidade de vida das persoas maiores. Entre as novidades, por exemplo, contarán con unidades psicoxeriátricas para o tratamento das usuarias e usuarios con doenzas mentais. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre