Inicio Galicia A Xunta constitúe a mesa da estratexia de dinamización do sector lácteo...

A Xunta constitúe a mesa da estratexia de dinamización do sector lácteo galego

0

O titular da consellería explicou que os traballos das diferentes mesas sectoriais estarán coordinados pola Fundación Juana de Vega


O conselleiro do Medio Rural, José González, presidiu hoxe a constitución e a primeira reunión da Mesa que coordinará a Estratexia de dinamización do sector lácteo galego. González explicou que esta iniciativa está impulsada pola Xunta da man dos diferentes axentes deste eido produtivo e contempla unha serie de medidas deseñadas a partir do consenso con todos eles, contando coas achegas dos principais expertos na materia dentro da nosa comunidade.

Traballarase, segundo explicou o titular de Medio Rural, mediante “mesas sectoriais” baixo a coordinación da Fundación Juana de Vega. Nesta mesa constituída hoxe están representados, ademais de responsables e técnicos da Xunta, as cooperativas, as organizacións profesionais agrarias, a industria, a distribución, a loxística alimentaria, as denominacións de orixe de queixos e os propios gandeiros a través das asociacións de control de rendementos (africores). En total son 40 persoas as que a integran.

Deste xeito, José González destacou que “todos os elos do sector lácteo se xuntan para falar do seu futuro” e engadiu que “nós, como Xunta, entendemos que no rural tense que desenvolver actividade económica rendible” polo que, nese contexto, “ocúpanos e preocúpanos o futuro do lácteo”, que definiu como un sector estratéxico para Galicia.

Entre as medidas propostas e que vai avaliar esta mesa salientan a aposta pola mellora e pola promoción da calidade do leite galego e a formación orientada ao fomento da xestión empresarial e á reorientación dos procesos produtivos. Tamén se abordou o incremento da base territorial das explotacións, con instrumentos como a futura lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia, que permitirá crear polígonos agrarios dun tamaño axeitado, formados por leiras total ou parcialmente abandonadas.

A mellora dos prezos nos contratos, a promoción da negociación colectiva ou a mellora da xestión dos residuos gandeiros, a través dun plan específico, son outros aspectos tratados neste foro. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre