Inicio Galicia A Xunta constata que o avance con seguridade nas obras do centro...

A Xunta constata que o avance con seguridade nas obras do centro de saúde da estrada, no que inviste 4,6 M?, permitirá que estea ao servizo dos veciños no verán

0

Os traballos progresan a bo ritmo e xa acadan o 75% da súa execución total

A Xunta constata que o avance con seguridade nas obras do centro de saúde da Estrada, no que inviste 4,6 millóns de euros, permitirá que estea ao servizo dos veciños no verán.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, mantivo hoxe unha videoconferencia co alcalde da Estrada, José López, e co equipo responsable do proxecto para avaliar a evolución dos traballos e as medidas de protección sanitaria adoptadas por mor do COVID-19.

As obras deste centro de saúde reiniciáronse a mediados de mes tras a súa interrupción polo cese xeral de actividades non esenciais. Neste sentido, no encontro constatouse que os traballos se están a realizar coas necesarias medidas para evitar contaxios.

No que se refire ao avance do proxecto, a conselleira concretou que as obras progresan a bo ritmo e xa acadan o 75 % da súa execución total.

Trátase dun novo centro de saúde, sobre unha parcela de máis de 4.000 m², que contará con 3 andares, ademais de soto, cuxo acceso principal se realizará a través dunha praza exterior. Tamén disporá dun acceso de ambulancias baixo teito.

O edificio albergará consultas de medicina xeral, de enfermería, matrona, área pediátrica, zona de urxencias, sala de toma de mostras, de radioloxía e ecografía, entre outros servizos.

Este novo centro de saúde atenderá unha poboación con case 21.000 tarxetas sanitarias, das que 2.300 corresponden a atención pediátrica.

Ethel Vázquez salientou que darlle continuidade a este proxecto supón manter activo investimento público da Xunta na Estrada e, desa forma, garantir os 30 postos de traballo directos que están asociados á execución desta actuación. Subliñou a aposta pola sanidade pública que vén realizando a Xunta, que reactivou nas últimas semanas infraestruturas sanitarias cun investimento de 90 millóns de euros e autorizou a licitación da 1ª fase do Hospital de Montecelo, en Pontevedra, por 115 millóns.

Concretou que co levantamento das restricións se retomaron as obras nunha decena de centros de saúde como o da Estrada, Milladoiro, Narón, Bouzas, Pereiro de Aguiar, Melide, Salceda de Caselas, Paderne de Allariz ou o do Barrio da Residencia, en Lugo.

Ademais a conselleira salientou, xunto a estes centros de saúde, a reactivación das obras de reforma e ampliación dos hospitais da Costa e de Ferrol. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre