Inicio Galicia A Xunta conmemora na Fundación Camilo José Cela o 30 aniversario da...

A Xunta conmemora na Fundación Camilo José Cela o 30 aniversario da concesión do Premio Nobel ao escritor galego

0

A sede da institución que custodia o seu legado en Iria Flavia acollerá desde este sábado e ata finais de ano un amplo abano de actividades para todos os públicos

A Xunta de Galicia conmemora ao longo do último trimestre deste ano o 30 aniversario da concesión do premio Nobel a Camilo José Cela cunha programación, a través da Fundación Pública que custodia o seu legado en Iria Flavia, centrada nos máis pequenos, na actividade literaria e na lembranza do que supuxo e aínda supón que un galego recibira tan magno galardón.

O 19 de outubro de 1989 foi a data na que a Academia Sueca emitiu o seu fallo. O 11 de decembro, cando o escritor padronés recolleu a distinción de mans do Rei. Ambas efemérides servirán de punto de inicio e remate para o programa conmemorativo, no que a Fundación Cela abrirá as portas da súa sede á literatura, á lembranza e á ensinanza aos máis pequenos do que significa ser quen de recibir un premio Nobel.

A programación comezará este sábado cunha actividade dirixida a todos os públicos baixo o título Maxia e Ciencia na casa dun premio Nobel ¿de Literatura? no salón de actos do Museo de 10,00 a 12,00 h. e co lanzamento da campaña en redes socias #CelaEmáisEu coa que se pretende recuperar a memoria viva do escritor. Mediante a recompilación a través dos canles da Fundación en Facebook, Twitter, Youtube e no enderezo iriaflavia@fundacioncela.com, calquera que coñecera ao escritor en persoa poderá enviar á institución as súas fotos, vídeos, anécdotas ou lembranzas.

Encontro de escritoresNo mes de novembro, entre o 18 e o 20, terán lugar a cita Más de 20 años después. III Encuentro de Escritores en Iria Flavia que, baixo a dirección de Care Santos, volverá a reunir a unha trintena de novos escritores aos que Cela reuniu por primeira vez en 1998 e que, a día de hoxe, son grandes figuras do panorama literario español. Autores coma a propia Care Santos, Juan Manuel de Prada, Lorenzo Silva, Angela Vallvey, Oscar Esquivias, Blanca Riestra, entre outros, acudirán a Padrón a debater sobre a situación actual do sector editorial e os seus novos retos e dificultades.

Ademais, de novembro a febreiro terá lugar un venres pola tarde de cada mes, e coa colaboración de Javier Pintor, as xornadas Tardes de Libros nos #30AnosNobelCela no que se presentarán no paraninfo do Museo catro novas editoriais en galego e en castelán coa participación de cada un dos seus autores.

Legado documental onlineTamén en novembro presentarase o portal específico da Fundación realizado en colaboración coa Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes e que contén parte do Arquivo dixital da institución e que culmina un dos traballos de condensación e posta a disposición na rede de parte do inxente legado documental –doado gratuitamente polo escritor a todos os galegos– comezado xa no ano do seu Centenario. O 10 de decembro, ademais do acto institucional en homenaxe ao escritor, terán lugar en Iria Flavia a presentación da nova páxina web da Fundación e o Acto homenaxe do pobo de Padrón en lembranza de como toda unha vila acompañou ao único Nobel galego e que pretende rememorar, dun xeito emotivo, a aqueles padroneses que acompañaron ao escritor a Estocolmo e a cantos viviron ese momento de gran alegría desde a propia vila de Padrón.

A mediados de decembro, finalmente, terá lugar unha xornada, en colaboración coa Universidade Camilo José Cela, de conmemoración dos 50 anos da publicación dunha das novelas que os expertos están a incluír entre as máis importantes do escritor, San Camilo 1936, e que contará coa presenza de, Adolfo Sotelo Vázquez, catedrático de Literatura Española da Universidade de Barcelona, e Dolores Troncoso Durán, Catedrática de Literatura Española da Universidade de Vigo.

Obradoiros educativos e rutas literariasA Fundación manterá durante estes meses a súa programación educativa coas visitas dinamizadas, as rutas literarias, as valixas didácticas e os obradoiros educativos ao Museo Camilo José Cela, onde escolares e visitantes poderán apreciar unha das últimas doazóns realizadas á institución por unha das familias senlleiras de Padrón –un retrato de Cela realizado polo pintor Manuel Beiró– e máis poderán apreciar, na sala específica do premio Nobel, múltiples anécdotas dese fito: desde a carta oficial da súa concesión, a resposta de Cela á Academia Sueca, parte da vaixela que se empregou na Cena de Gala ou a propia medalla e diploma que reciben os galardoados.

Tamén mantense a entrada conxunta coa Fundación Rosalía de Castro pola que todos os visitantes que pasen pola casa da poeta poderán visitar gratis o Museo do escritor e a Fundación. Asemade, participará cun préstamo de fondos na exposición Primores do múltiplo: Encadernación e coleccionismo na Biblioteca de Galicia, exposición que terá lugar na Biblioteca de Galicia de mediados de novembro de 2019 a xuño de 2020.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre