Inicio Galicia A Xunta confírmalle ao secretario do Programa MAB da Unesco que xa...

A Xunta confírmalle ao secretario do Programa MAB da Unesco que xa ten lista a candidatura da Ribeira Sacra a Reserva da Biosfera

0

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, participou hoxe en Madrid na presentación dos resultados do I Foro de Mozos da Rede Española de Reservas da Biosfera, no marco do Cumio Mundial do Clima COP25


A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, participou está mañá representando a Galicia no evento A xuventude de Reservas da Biosfera: unha oportunidade para a loita contra o cambio climático, que se celebrou na sede da Fundación Abertis, no marco do Cumio Mundial do Clima COP25. Durante o acto, do Campo coincidiu con Miguel M. Clusener- Godt, secretario do Programa do Home e a Biosfera (MAB) da Unesco, o organismo que en última instancia deberá valorar e tomar a decisión definitiva sobre a candidatura da Ribeira Sacra a reserva da biosfera.

Por iso, a directora xeral aproveitou a ocasión para comunicarlle ao alto cargo da Unesco os últimos avances dados pola Xunta neste sentido e convidalo a visitar Galicia para coñecer persoalmente os valores naturais, culturais e paisaxísticos que atesoura este espazo, situado a cabalo entre as provincias de Lugo e de Ourense.

Galicia conta na actualidade con seis reservas da biosfera e aspira a incorporar a medio prazo a da Ribeira Sacra e serras do Oribio e Courel. De feito, tal e como lle trasladou Belén do Campo a Miguel Clusener- Godt, a candidatura técnica desta zona deu un paso decisivo a semana pasada, ao superar o último trámite para que a Xunta poida remitir e formalizar a súa solicitude ante a Secretaría do Comité español do Programa MAB da Unesco.

Por iso, a directora xeral avanzoulle que a candidatura da Ribeira Sacra xa está lista e preparada para ser remitida de forma oficial ante os representantes da Unesco en Madrid, co obxectivo de que en 2021 poida converterse na sétima reserva da biosfera da comunidade.

Se prospera esta declaración, o 34% do territorio galego pasaría a estar baixo esta figura de recoñecemento internacional, de aí a importancia que teñen para Galicia todos os aspectos relacionados coas reservas da biosfera, a súa posta en valor e o traballo que se fai nelas en materia de adaptación. Iso explica tamén a importante presenza e o protagonismo que tivo Galicia ao longo desta semana en todos os eventos que se organizaron no marco da COP25 con relación ás reservas da biosfera.

Balance do I Foro de Mozos da Rede MABO evento de hoxe, concretamente, tiña como obxectivo principal presentar os resultados do I Foro de Mozos da Rede Española de Reservas de Biosfera, un acto que contou coa intervención, entre outros, da propia directora xeral, xa que cómpre lembrar que a Xunta tivo un papel fundamental na celebración deste encontro o pasado mes de outubro en Bergondo, ao asumir a súa organización coa axuda do Ceida e da Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

Tras unha breve exposición das principais conclusións deste encontro a cargo dos representantes da Rede Xuvenil MAB Española, o secretario deste programa do organismo internacional inaugurou e dirixiu unha visita guiada pola exposición A nosa biosfera, o noso futuro. Accións locais para os obxectivos de desenvolvemento sustentable.

As reservas da biosfera e o papel da mocidade no seu coidado e difusión tamén foron protagonistas o pasado luns, 9 de decembro, na COP25. Belén do Campo participou ese día no evento Cambiar as mentalidades, non o clima. Sitios designados pola UNESCO, educación e xuventude para unha maior ambición. Partindo de que estes espazos proporcionan plataformas útiles para aplicar e probar o monitoreo do clima, a mitigación e a adaptación e poden servir como sitios de aprendizaxe sobre boas prácticas na educación sobre cambio climático, durante o evento lanzouse de forma oficial a Rede de Acción Climática Xuvenil da UNESCO YoU-CAN.

Así mesmo, o martes do Campo tamén asistiu en representación da Xunta a un encontro de traballo do Comité español da Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN), organismo do que forma parte. O obxectivo foi coñecer de primeira man o papel que xoga a UICN dentro da COP e intercambiar información de interese entre os seus integrantes.

Evento central o venres 13Cómpre lembrar que a participación galega neste evento internacional terá o seu acto central este venres, 13 de decembro. Así, coincidindo coa xornada de clausura do Cumio Mundial do Clima COP25, a Xunta terá un espazo propio na Zona Verde do Ifema para dar a coñecer o traballo que se vén realizando na comunidade nos últimos anos en materia de cambio climático. Baixo o título Galicia resiliente: comunidade e clima, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, será a encargada de conducir o evento, cuxo eixo central será a presentación da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía (EGCCE) 2050, aprobada polo Consello da Xunta o pasado 3 de outubro.

O protagonismo que terá a Xunta durante a xornada de clausura da XXV edición do Cumio Mundial do Clima, o evento internacional máis importante arredor deste fenómeno e que reúne desde o pasado luns a máis de 50 xefes de Estado e de Goberno en Madrid, é un reflexo do esforzo e a implicación demostrados nos últimos anos polo Goberno autonómico ante o problema do quecemento global, ante a constatación de que en Galicia tamén se están a notar os seus efectos.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre