Inicio Galicia A Xunta concluirá esta noite o izado sobre as vías do tren...

A Xunta concluirá esta noite o izado sobre as vías do tren da pasarela da estación intermodal de Santiago

0
image_gallery.jpg

Esta infraestrutura, deseñada polo arquitecto Juan Herreros, é a clave da intermodalidade, xa que conectará a estación de ferrocarril coa nova terminal de autobuses


A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, supervisará esta noite os traballos cos que a Xunta concluirá o izado sobre as vías do tren da pasarela da estación intermodal de Santiago.

Esta infraestrutura, deseñada polo estudio de arquitectura de Juan Herreros, é a clave da intermodalidade do complexo, posto que conectará a estación de ferrocarril coa nova terminal de autobuses e supón un investimento de preto de 5,6 millóns de euros que cofinancian a Xunta, o Concello de Santiago e Adif.

Ademais, a pasarela peonil urbana permitirá conectar dúas zonas da cidade de Santiago historicamente separadas polas vías do tren, os barrios do Ensanche e Pontepedriña, garantindo o tránsito dos usuarios entre a rúa Clara Campoamor e a estación de ferrocarril.

As obras de execución da pasarela, asumida pola Administración autonómica, desenvólvese de xeito paralelo á construción da nova estación de autobuses, á que a Xunta achega 10,4 millóns de euros. Os traballos, tanto da nova estación de autobuses como da pasarela, seguen avanzando a bo ritmo coa fin de que poidan estar rematados a finais deste ano.

A estrutura da pasarela está formada por dúas partes diferenciadas, a plataforma de formigón e a estrutura metálica porticada. O seu ancho varía entre os 8 e 12 metros, cunha altura media de 5 metros e unha lonxitude de vanos que vai desde os 8, aos 12 e 16 metros.

No conxunto da infraestrutura distínguense 3 zonas representativas, unha cara á cidade, outra que é zona central sobre vías e andéns, e a da estación de autobuses.

O izado da estrutura metálica da pasarela que se sitúa sobre as vías do ferrocarril en servizo planificouse para acometer en dúas xornadas, elevando cada día un tramo de 32 metros de lonxitude. Así, na noite do luns colocouse un tramo sobre a pila instalada o venres pasado e conectando mediante unións atornilladas á estrutura.

Esta noite procederase ao izado do treito restante sobre a pila da marxe da rúa do Hórreo, enlazándose coa estrutura posicionada na xornada anterior. Para levar a cabo esta operación, estanse a empregar plataformas elevadoras móbiles de persoas, unha grúa de gran tonelaxe e maquinaria eléctrica e neumática para apretar a tornillería.

A finalización deste proceso permitirá iniciar nos vindeiros días as fases finais da obra, coa urbanización da praza que unirá esta infraestrutura coa rúa Clara Campoamor ou a execución do treito que conecta a pasarela izada coa rúa do Hórreo.

O Goberno galego continúa traballando para que Santiago dispoña dunha estación intermodal eficiente e moderna que permita aproveitar ao máximo a chegada do AVE a Galicia.

Ademais, esta infraestrutura garantirá que a cidade estea preparada para celebrar o vindeiro ano Xacobeo, estratéxico para a reactivación económica.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre