Inicio Galicia A Xunta conclúe os últimos remates e a retirada dos apoios das...

A Xunta conclúe os últimos remates e a retirada dos apoios das liñas de media tensión na actuación de integración paisaxística realizada entre o polígono do Tambre e o cemiterio de Boisaca

0

A actuación xa acometida na zona empresarial deixa ese ámbito preparado para recibir mellor aos peregrinos co acondicionamento integral dun treito de 800 metros do Camiño Inglés


A Xunta, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, vén de concluír os últimos remates pendentes na actuación de integración paisaxística que levou a cabo entre o polígono do Tambre e o cemiterio de Boisca, coa retirada dos grandes apoios das liñas de media tensión, que foron soterradas, de modo que este ámbito loce xa sen cables.

A actuación, que supuxo un investimento de 2,2 millóns de euros, é a primeira intervención de integración paisaxística dos Camiños de Santiago á súa entrada en Compostela, neste caso ao seu paso polo polígono do Tambre, que se finaliza.

Para facer compatible a peregrinación co traballo no polígono e co respecto aos usuarios do cemiterio de Boisaca executouse unha reforma de toda a superficie e reordenáronse os espazos, deixando este ámbito preparado para recibir mellor aos peregrinos, co acondicionamento integral dun treito de 800 metros do Camiño Inglés.

A intervención permitiu, ademais, unha mellor integración paisaxística, que se viu complementada coa colocación de elementos de mobiliario urbano, como peches ou luminarias, e a incorporación de espazos verdes que amortiguarán as molestias do tráfico sobre os camiñantes e peregrinos.

Esta intervención no polígono do Tambre verase complementada con outra actuación que está nestes momentos en proceso de adxudicación, para acondicionar novos espazos de aparcamento en ambos os extremos do parque empresarial. Unha actuación nas rúas das Mulas e Garabal que suporán un investimento de 1,1 millón de euros e que se empezará a executar en setembro.

Estas actuacións forman parte do proxecto emprendido pola Xunta, en colaboración co Concello de Santiago, co obxectivo de preparar a capital de Galicia para acoller nas mellores condicións o Xacobeo 2021. Para iso a Xunta ten deseñado un conxunto de actuacións de integración paisaxística: estas no Camiño Inglés, ao seu paso polo polígono do Tambre; pero tamén no Camiño Francés, entre o Monte do Gozo e San Lázaro, e na avenida de Lugo; e no Camiño Portugués en Conxo; intervencións que, no seu conxunto, supoñen unha achega autonómica de preto de 10 millóns de euros que se verán complementadas coas actuacións que executa o Concello de Santiago, fundamentalmente na rúa Concheiros.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre