Inicio Galicia A Xunta concedeu axudas económicas directas a máis de 4.000 vítimas de...

A Xunta concedeu axudas económicas directas a máis de 4.000 vítimas de violencia de xénero na última década

0

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, apelou hoxe ao traballo conxunto das forzas políticas, institucións e sociedade en xeral para facer fronte a esta lacra

A Xunta leva destinados na última década máis de 37 millóns de euros a axudas económicas directas a algo máis de 4.000 vítimas de violencia de xénero a través de tres liñas: as axudas periódicas, as indemnizacións e as prestacións de pago único. Así o explicou hoxe o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, durante a súa intervención no Parlamento galego, na que apelou ao traballo conxunto das forzas políticas, institucións e sociedade en xeral para facer fronte a esta lacra. A violencia económica é unha das manifestacións da violencia de xénero, tal e como se recolle na Lei galega que, a diferenza da estatal, si a inclúe como unha forma máis de violencia de contra a muller.

Para facer fronte a estas situacións de abuso, a Xunta ten habilitado nos últimos anos un amplo abano de recursos, entre os que as axudas económicas directas constitúen un dos principais piares. Cómpre lembrar, neste sentido, que Galicia é a única comunidade autónoma que ten habilitadas prestacións económicas periódicas.

Neste ámbito, tamén é fundamental o acceso ao mercado laboral para poder rachar coa situación de dependencia económica do maltratador. A Xunta ten desde 2016 un programa específico de inserción laboral para vítimas de violencia de xénero, no que xa participaron máis de 830 mulleres. Ademais, este ano iniciouse por primeira vez un programa de contratación por parte dos concellos, que supuxo a contratación de 77 vítimas. Romper coa situación de dependencia económica do maltratador precisa tamén doutro recurso fundamental: o acceso a vivenda. Así, este ano púxose en marcha un bono específico de alugueiro social para vítimas de violencia de xénero cun orzamento de máis de 1,5 millóns de euros. Do mesmo xeito é fundamental a rede de casas de acollida, que este ano sumaron dous recursos novidosos: un aloxamento especializado para vítimas con enfermidade mental e outro para vítimas de trata.

Tamén en materia económica, aínda que non específicos para vítimas de violencia de xénero, destaca o Programa Emega de apoio ao emprendemento feminino, que supuxo desde 2009 axudar a 705 mulleres emprendedoras e a creación de 1.275 postos de traballo femininos.

Segundo moitos expertos, a violencia económica englóbase dentro da violencia psicolóxica. Por iso, a Xunta tamén ten posto en marcha importantes iniciativas neste ámbito, como o programa de atención psicolóxica ás vítimas, que asistiu a case 5.500 persoas nos últimos 10 anos; ou o servizo de quenda de garda psicolóxica, que se iniciou de forma pioneira en 2018 e que se completou coa quenda de garda social.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre