Inicio Galicia A Xunta concede preto de 1,4 millóns de euros para apoiar a...

A Xunta concede preto de 1,4 millóns de euros para apoiar a internacionalización de 78 pemes da área territorial de Vigo

0

A Consellería de Economía, Emprego e Industria concede as axudas a través do Galicia Exporta Empresas para chegar no conxunto da Comunidade a 261 compañías por preto de 5 millóns de euros, un 49% máis ca na convocatoria anterior

A Consellería de Economía, Emprego e Industria reforza o seu programa de impulso á internacionalización das pemes galegas, cun incremento de 900.000 euros nos apoios con respecto ao pasado exercicio ata chegar aos 5 millóns de euros e a 261 compañías no conxunto da Comunidade. Así, vén de conceder, a través do programa Galicia Exporta Empresas desenvolto polo Igape, axudas por preto de 1,4 millóns de euros para apoiar a internacionalización de 78 pemes da área territorial de Vigo.

Nestas iniciativas participan compañías de eidos como a alimentación, TIC, o téxtil, os servizos, a madeira-moble, a maquinaria, o naval ou a construción, que desenvolverán accións en 97 mercados de todo o mundo, como a creación de tendas online, a participación en feiras e eventos internacionais e a planificación de axendas de reunión no estranxeiro ou seguimento de clientes.

Leer más:  Fallece en el hospital la madre de la víctima del incendio en un piso de O Valadouro (Lugo)

As axudas do Galicia Exporta Empresas cubren o 70% dos custos, cun máximo de 70.000 euros por solicitude e compañía. As pemes beneficiarias poderán avanzar na súa internacionalización cara a mercados como China, Estados Unidos, Cuba, Arabia Saudí, Australia, Brasil, Arxentina, México, Emiratos Árabes Unidos, Rusia, Marrocos, Xapón ou Colombia, así como cara a distintos países europeos.

Este programa é complementario do Galicia Exporta Organismos Intermedios, mediante o que os clústeres e asociacións realizan accións agrupadas de promoción exterior que contan, ademais, co reforzo de bolseiros de internacionalización do programa de capacitación posto en marcha polo Igape e que colaboran no desenvolvemento das actuacións realizadas polas agrupacións empresariais.

No caso dos proxectos agrupados coordinados a través desta liña de axudas, os apoios abranguen o 90% do custo e chegan ata os 150.000 euros. A resolución de axudas aprobada en xullo deste ano achegou 1,5 millón de euros a 34 iniciativas de organismos intermedios das que, só de xeito directo, se benefician 206 empresas.

Leer más:  La Policía Nacional incauta 14 kilos de hachís al desmantelar una banda criminal en Ourense y detiene a 5 personas

Mediante os dous programas a Consellería de Economía, Emprego e Industria busca tanto facilitar a internacionalización individual das pemes como favorecer a cooperación e o aproveitamento de sinerxías entre varias compañías. Ambas iniciativas enmárcase na Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020, que ten por obxectivo facer das exportacións un motor de emprego e crecemento empresarial.

Froito do esforzo do tecido empresarial galego neste eido, co apoio da Xunta, nos primeiros oito meses deste ano as vendas ao exterior de Galicia incrementáronse un 9,5% fronte ao 4,2% da media estatal e situaron á Comunidade galega como a terceira con máis crecemento, acadando nese período un superávit comercial de 2.695 millóns de euros. Galicia atópase así no seu mellor ciclo exportador, tras superar en 2017 a barreira dos 21.000 millóns de euros.


- Te recomendamos -