Inicio Galicia A Xunta compromete máis de 250.000 euros para unha obra de...

A Xunta compromete máis de 250.000 euros para unha obra de humanización na rúa A Estrada do concello de Marín

0

A conselleira Ángeles Vázquez e alcaldesa María Ramallo asinaron un acordo de cooperación polo que a Xunta achegará o 70% do custo e o concello o 30%


A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda colaborará co concello pontevedrés de Marín co fin de acometer a humanización da rúa A Estrada entre Méndez Núñez e Concepción Areal. Así o acordaron a conselleira Ángeles Vázquez e mais a alcaldesa María Ramallo coa sinatura dun acordo de cooperación en virtude do cal a Xunta se compromete a asumir o 70% do custo da actuación e o concello, a achegar o 30% restante. Concretamente, a Consellería prevé unha achega de 251.361 euros en 2020 e o municipio, de 107.726,15 euros.

A Xunta de Galicia é consciente da importancia que ten para os concellos a materialización de determinados proxectos urbanísticos para mellorar a calidade de vida dos seus veciños e dinamizar determinadas zonas. Neste sentido, os equipamentos urbanos desempeñan un papel fundamental como factor dinamizador para o desenvolvemento social e cultural da sociedade e son, ademais, elementos estruturais da contorna.

Concretamente, as obras previstas en Marín –cun custo total inicialmente estimado en case 360.000 euros- consistirán na humanización da rúa A Estrada entre as rúas de Méndez Núñez e Concepción Areal. Esta actuación de reurbanización e humanización incidirá nun tramo desta vía, unha das máis frecuentadas do núcleo urbano xa que está ao carón do Concello, alberga a sede da Policía Local e ten moi cerca dous centros escolares.

Con este tipo de intervencións, como lle trasladou a conselleira á rexedora, dáse cumprimento ao reto do Goberno galego de acadar un urbanismo responsable e apostar pola recuperación das vilas e cidades galegas, como parte da identidade de Galicia. Nesta liña, subliñou que a Xunta é consciente da importancia de establecer lazos de colaboración cos municipios en proxectos que, coma este, buscan mellorar e potenciar espazos públicos xa existentes para facilitar a accesibilidade aos mesmos e poñer en valor certas zonas.

Ademais, lembrou que a través da colaboración cos concellos para intervir sobre os equipamentos urbanos tamén se axuda a frear o despoboamento do rural, xa que se potencian as infraestruturas, os servizos e as dotacións municipais e, en definitiva, se melloran o benestar e a calidade de vida da poboación das vilas e cidades galegas.

Actuacións do Plan Hurbe 2010-2019A obra no Concello de Marín, que nos próximos días sairá a licitación, enmárcanse dentro do chamado Plan Hurbe, un programa posto en marcha no ano 2010 pola Consellería de Medio Ambiente para apoiar ás entidades locais na execución de todo tipo de proxectos e actuacións que contribúan a crear, mellorar ou humanizar espazos de uso público.

Grazas a este programa, no período 2010-2018 executáronse 200 actuacións en 125 concellos, o que significa que se actuou case no 40% dos municipios da comunidade. De feito, o Concello de Marín foi un dos beneficiarios xa que cómpre lembrar que grazas ao Plan Hurbe executáronse en 2018 as obras de humanización da Travesía Jaime Janer, cun custo de 149.719,16 euros.

Así mesmo, neste ano 2019 a Consellería de Medio Ambiente xa asumiu preto de 90 novos compromisos que mobilizarán un total de 12,9 millóns de euros para a execución de novos proxectos urbanísticos nos concellos galegos. Este esforzo continuará o vindeiro exercicio xa que cómpre lembrar que nos orzamentos da Xunta do ano 2020 tamén hai reservados 6,5 millóns de euros para realizar actuacións urbanísticas a nivel municipal, como poden ser a mellora de contornos urbanos ou dos equipamentos municipais. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre