Inicio Galicia A Xunta completa as obras que converten á Vía Verde do Salnés...

A Xunta completa as obras que converten á Vía Verde do Salnés no primeiro itinerario ferroviario integramente galego

0

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e os alcaldes de Portas, Caldas de Reis e Vilagarcía de Arousa percorreron esta mañá unha parte do trazado, de case 10 km de lonxitude e que discorre sobre a plataforma ferroviaria que quedou en desuso tras a entrada en funcionamento da liña de alta velocidade

A segunda e última fase do proxecto para acondicionar a Vía Verde do Salnés xa está rematada. Así o anunciou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, no transcurso dunha visita á zona para comprobar o resultado dos traballos acometidos e dar por finalizadas unhas obras coas que este percorrido de case 10 quilómetros de lonxitude convértese na primeira Vía Verde ferroviaria que discorre integramente por Galicia.

A conselleira, que estivo acompañada durante o percorrido polos alcaldes de Portas, Caldas de Reis e Vilagarcía de Arousa, explicou que o investimento realizado nesta segunda fase ascendeu a 199.966,19 euros, unha contía que asumiu ao 100% o seu departamento e serviu para completar o tramo que quedara excluído das obras financiadas xa entre a Deputación de Pontevedra e os tres concellos polos que transcorre o percorrido.

Cómpre lembrar que a Vía Verde do Salnés xurdiu como un proxecto para acondicionar o antigo trazado do ferrocarril no treito Vilagarcía-Caldas de Reis-Portas, unha infraestrutura que quedara en desuso tras a posta en marcha do Eixo Atlántico de Alta Velocidade para conectar por tren Vigo e A Coruña. Deste xeito, o novo itinerario, pensado para o uso de peóns e cicloturistas, discorre sobre a vella plataforma do ferrocarril.

En canto ás actuacións acometidas pola Xunta nesta segunda fase, a conselleira explicou que o eixo central dos traballos foi o acondicionamento integral da ponte metálica entre Caldas e Portas, unha infraestrutura que cruza o río Umia e da que destacou o seu gran valor arquitectónico.

A actuación realizada na mesma consistiu na retirada dos elementos da antiga vía, na limpeza e reparación dos estribos e daqueles elementos metálicos danados, así como na construción dunha estrutura nova sobre a que se colocou tarima de madeira e na instalación de varandas e novas proteccións laterais.

Así mesmo, as obras tamén incluíron a instalación de sinalización ao longo de todo o trazado así como de mobiliario urbano nas áreas de descanso e nos miradoiros existentes nos 9,2 km que ten o percorrido.

Tras comprobar o resultado dalgunhas das actuacións acometidas polo seu departamento nos últimos meses, Ángeles Vázquez salientou a importancia que terá a Vía Verde do Salnés como nova alternativa de ocio sustentable e de turismo de natureza.

Neste sentido, indicou que o itinerario está chamado a converterse nun auténtico referente para os tres concellos polos que discorre e tamén para o conxunto da provincia de Pontevedra, máis aínda nun contexto no que, lembrou, as actividades vencelladas ao turismo verde e familiar están a ser unhas das máis demandadas polos galegos. “Estamos ante todo un proxecto de reciclaxe e de aproveitamento dos recursos existentes, e en definitiva un bo exemplo a gran escala de economía circular”, asegurou a conselleira. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre