Inicio Galicia A Xunta comezará nas vindeiras semanas cos traballos de helimulching nas principais...

A Xunta comezará nas vindeiras semanas cos traballos de helimulching nas principais zonas afectadas polos lumes da provincia de Ourense

0
image_gallery.jpg

Tomás Fernández-Couto explicou os traballos que xa se están realizando para recuperar de forma integral o ecosistema afectado polos incendios forestais


O director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto, explicou esta mañá na Comisión 7ª do Parlamento os traballos que se están realizando para recuperar de forma integral o ecosistema afectado polos incendios forestais. Así, adiantou que nas vindeiras semanas se comezará cos traballos de helimulching nas principais zonas afectadas da provincia de Ourense, actuando nunhas 260 hectáreas.

Neste senso, o director xeral sinalou que o principal obxectivo das actuacións programadas, en coordinación cos técnicos do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, é a estabilización de emerxencia das zonas queimadas para frear a posible degradación do chan, reducir a erosión e a escorrentía, conservar as redes de drenaxe e viarias, así como os cauces dos ríos e afloramentos naturais de auga e así favorecer a rexeneración natural da vexetación.

Para iso, explicou, analizáronse as zonas da provincia de Ourense máis afectadas polos lumes para priorizar as áreas de actuación, sendo as máis urxentes aquelas onde os lumes superaron as 500 hectáreas. Os traballos a levar a cabo pasan polo helimulchig, nas zonas de máis pendentes, e mulching manual para recuperar a cuberta vexetal dese terreo, entre outros. Así, prevese traballar con estas técnicas nas zonas de Manzaneda, Lobios, Vilariño de Conso, Vilar de Barrio, Cualedro e Verín.

Con este método, explicou o director xeral, créase unha cuberta protectora do solo empregando para isto materias como palla de cereais (de trigo, de cebada ou de centeno habitualmente) para evitar a escorrentía superficial e a erosión. Neste senso, Fernández-Couto sinalou que Galicia foi pioneira con este tipo de actuacións no ano 2010, sendo a única rexión de Europa que estaba a empregar estes recursos e que, a día de hoxe, están sendo un referente para outras comunidades e países.

Aproveitamentos madeireiros e leñososPola súa parte, o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, respondeu unha pregunta sobre a tramitación das cortas forestais, onde sinalou que a simplificación e dixitalización administrativa é un obxectivo da Unión Europea para manter un sistema de supervisión e control exhaustivo, tema que inflúe de maneira directa na competitividade do sector forestal.

Así, o director xeral explicou que para levar a cabo aproveitamentos madeireiros e leñosos, os interesados teñen que presentar de forma telemática unha declaración responsable ou autorización de corta. En ambos casos, subliñou o director xeral, os trámites de presentación dunha solicitude de aproveitamento madeireiro, en relación aos contidos, son os que viñan sendo ao longo destes últimos anos, é dicir, conteñen os datos mínimos obrigatorios para garantir un axeitado control por parte da Consellería do Medio Rural. Este uso de medios electrónicos, incidiu, permite un control e seguimento administrativo en tempo real destas solicitudes, un control que antes había que realizar a man, tecleando cada declaración de corta.

Neste senso, José Luis Chan explicou que, tanto para a autorización como para a declaración responsable, os interesados poden solicitalo eles mesmos mediante certificado electrónico ou chave 365, clave que se pode obter nas oficinas de rexistros administrativos e incluso nos centros de saúde. Unha terceira persoa, sexa familiar ou funcionarios de entidades locais a través de certificados electrónicos do concello, así como calquera funcionario público coa súa tarxeta electrónica corporativa, pode actuar en representación do solicitante dun aproveitamento de madeira.

Finalmente, o director xeral aproveitou para sinalar que esta plataforma informática pola que agora se solicitan estes permisos de corta está en continua revisión para solventar calquera tipo de incidencia que poida haber e acadar a máxima axilidade e seguridade xurídica ao administrado. Ademais, adiantou que se está traballando noutro tipo de vía de tramitación adicional para facilitarlle este proceso de solicitude aos particulares. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre