Inicio Galicia A Xunta comezará en agosto o traslado de fondos do Arquivo provincial...

A Xunta comezará en agosto o traslado de fondos do Arquivo provincial de Ourense á nova sede de San Francisco

0

O Goberno galego culmina o proceso de adxudicación dos traballos, que se prevé que rematen en setembro tras mover unhas 54.000 caixas de libros e documentos

A Xunta prevé comezar no mes de agosto o traslado de fondos do Arquivo Histórico Provincial de Ourense ata a nova sede situada no antigo Convento de San Francisco. O Goberno galego culminou xa o proceso de adxudicación dos traballos, por un importe próximo aos 100.000€ e agarda que estes rematen no mes de setembro tras mover unhas 54.000 caixas de documentación, libros, pergamiños, cartafoles e outros fondos bibliográficos, ademais de mobiliario e enseres.

O traslado efectuarase de xeito ordenado, baixo a dirección e supervisión do persoal técnico do arquivo e atendendo, en especial, ás condicións de manipulación daqueles fondos singulares pola súa antigüidade, formato ou estado de conservación. Entre os documentos con estas características inclúense fragmentos de códices, impresos incunables, máis de 1.700 libros procedentes de institucións relixiosas, do Catastro de Ensenada ou do fondo antigo bibiliográfico, así como outros documentos anteriores a 1960, edicións facsímiles ou obras en formato especial como fotografías, planos mapas ou diapositivas, entre outros.

Así pois, o traslado do Arquivo Histórico Provincial de Ourense á súa nova sede encara a súa fase final. Precisamente, a Xunta asinou esta semana un convenio co Ministerio de Cultura y Deporte para a modificación e actualización dos enderezos e sedes doutros arquivos e museos de titularidade estatal e de xestión autonómica no que se formaliza o traslado desta dotación.

Visitas guiadas con cita previaO traslado traerá consigo un considerable incremento da capacidade de custodia documental desta instalación, ao pasar dos 1.745m² do emprazamento actual, no Pazo Episcopal, ata os 9.350 m² da nova sede. Precisamente, co fin de dar a coñecer e achegar á cidadanía o novo inmoble, a Xunta realizará a finais deste mes unhas xornadas de portas abertas con visitas guiadas a cargo da dirección e equipo técnico do arquivo.

Trátase dunha iniciativa na que se poderá participar con cita previa e antes do inicio dos traballos de traslado que permitirá, a todo aquel que o desexe, contemplar a transformación arquitectónica á que se someteu o inmoble, así como as características funcionais e espazos asociados ao arquivo, como son as salas de investigación, as zonas administrativas, as salas expositivas e os depósitos, entre outros.

O traslado dos fondos do Arquivo Histórico Provincial de Ourense á nova sede de San Francisco permitirá conformar un novo espazo cultural de referencia na cidade das Burgas, ao sumar unha nova dotación cultural a esta zona na que tamén se ubica a Biblioteca Pública do Estado, xestionada polo Goberno galego. Pola súa banda, o espazo da vella sede do arquivo, no antigo Pazo Episcopal, quedará dispoñible para a ampliación do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, cuxa sede actual se atopa noutra zona deste mesmo inmoble. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre