Inicio Galicia A Xunta colaborará coas universidades de Santiago e de Vigo no desenvolvemento...

A Xunta colaborará coas universidades de Santiago e de Vigo no desenvolvemento dun Inventario Forestal Continuo de Galicia

0

Feijóo asevera que permitirá facer un seguimento da cantidade e do estado das masas arboradas e crear unha estratexia de apoio ás decisións en materia de política forestal

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, na rolda de prensa de Consello, a autorización da sinatura dun convenio de colaboración entre a Xunta e as universidades de Santiago e de Vigo para o desenvolvemento do Inventario Forestal Continuo de Galicia que se “actualizará ano a ano”.

Logo de incidir en que o forestal é un sector estratéxico na nosa Comunidade con máis de 80.000 familias que viven del e co 60% das cortas de toda España, Feijóo explicou que o obxectivo desta inventario forestal é dobre. Por unha banda, permitirá facer un seguimento da cantidade e do estado das masas arboradas e, por outra, permitirá crear unha estratexia de apoio ás decisións en materia de política forestal mediante un sistema de monitoraxe continuado.

Así mesmo, entre as cuestións que xustifican a sinatura deste acordo, sinalou tanto a existencia dunha grande cantidade de superficies forestais de pequeno tamaño complexas de inventariar, como as masas mixtas ou a necesidade de contar con datos máis actualizados.

Finalmente, Feijóo concluíu explicando que contar cun inventario propio permitirá a Galicia beneficiarse da continua investigación para elaborar novas políticas sobre o monte e contar con datos únicos para empregar en análises científicas. E, ao mesmo tempo, aproveitou para destacar que o dito convenio dará cumprimento a unha das recomendacións do ditame da comisión especial non permanente de estudo e análise das reformas da política forestal.

Pola súa banda, o conselleiro destacou que a creación deste inventario é fundamental para poñer en marcha o Plan de recuperación de soutos tradicionais, o cal permitirá diferenciar con exactitude aqueles soutos tradicionais das novas plantacións de castiñeiros.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre