Inicio Galicia A Xunta colabora en melloras nos locais e equipamentos das asociacións de...

A Xunta colabora en melloras nos locais e equipamentos das asociacións de veciños de Mondoñedo

0

A directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias visitou hoxe os traballos levados a cabo por tres entidades veciñais que resultaron beneficiarias das subvencións da Vicepresidencia


A directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, e a alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, visitaron hoxe tres asociacións veciñais do concello coas que o Goberno galego mantén unha liña de colaboración a través dunha orde de axudas da Vicepresidencia para obras e equipamentos que redunden na mellora da calidade de vida local e na dinamización do movemento veciñal.

As tres entidades teñen concedidas axudas do Plan Específico de acción comunitaria que cada ano convoca a Xunta e que van destinadas a asociacións veciñais, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños de Galicia para mellorar os seus locais sociais, comprar novos equipamentos, prestar novos servizos, organizar actividades ou reparar camiños veciñais. Na visita de hoxe, Marta Fernández-Tapias achegouse á asociación San Lázaro, para comprobar de primeira man os traballos que se realizaron grazas aos 17.000 euros que recibiu no 2018 do Goberno galego. Desta cuantía, case 12.000 euros destináronse a rematar o acondicionamento do local social coa colocación de pizarra na cuberta e o pechamento con carpintería en madeira, e os 5.000 restantes á adquisición de mobiliario para levar a cabo as súas actividades. Na convocatoria deste ano, concedéronselle outros 16.968 euros para continuar coas melloras.

A directora xeral de Administración Local visitou logo a asociación San Andrés de Masma, onde unha subvención de case 12.000 euros concedida pola Administración autonómica permitiu acondicionar a finca recreativa anexa ao local social, así como reparar parte da cuberta e os canalóns para evitar as filtracións de agua e cambiar os cristais da galería.

Por último, achegouse á asociación de veciños O Castelo de Oirán, onde a Xunta colaborou cunha aportación de 11.182 euros nos traballos para cambiar o solo, as ventás e as portas da antiga escola unitaria que agora se emprega como sede da entidade. A asociación recibiu este ano a través da orde de axudas da Vicepresidencia 11.866 euros para realizar obras no local social.

Ademais das asociacións de veciños San Lázaro e O Castelo de Oirán, tamén foron beneficiarias do Plan de acción veciñal do Goberno galego neste exercicio, outras dúas entidades veciñais de Mondoñedo. Trátase da asociación Couboeira e Val de Vilamor, que percibiron 13.773 e 10.394 euros respectivamente.

Estas catro organizacións do concello repartíronse un total de 53.000 euros en axudas da Xunta, que forman parte dos 278.708 euros que se distribuíron entre 22 entidades da provincia de Lugo. En toda Galicia, o investimento da convocatoria de 2019 supera os 1,5 millóns de euros. Marta Fernández-Tapias lembrou que para o ano que vén a convocatoria de axudas para o vindeiro ano incrementase ata 2,5 M. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre