Inicio Galicia A Xunta colabora cos centros tecnolóxicos galegos na súa internacionalización e transferencia...

A Xunta colabora cos centros tecnolóxicos galegos na súa internacionalización e transferencia de resultados

0

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta mañá en Vigo na presentación dos resultados de 2018 da Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia (Atiga) que agrupa a seis centros galegos

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta mañá en Vigo na presentación dos resultados do exercicio 2018 da Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia (Atiga), a agrupación que reúne aos centros tecnolóxicos consolidados de Galicia (Aimen, Anfaco-Cecopesca, CTAG, Gradiant, EnergyLab e ITG), xunto ao seu presidente Juan Manuel Vieites e o xerente de Atiga, Javier Doval.

A directora de Gain felicitou á entidade polos bos resultados acadados no 2018, así como polo crecemento sostido dende 2014 tanto en canto a ingresos como a proxectos de I+D+i e persoal empregado. Respecto de 2017, o volume de ingresos dos centros tecnolóxicos que integran a Alianza medrou un 10,5% superando os 71 millóns de euros, o equipo humano creceu un 10,1% e a actividade de I+D+i, un 4,3%.

Argerey destacou especialmente os retornos obtidos do programa marco europeo de I+D+i, Horizon2020 (H2020), no que os centros tecnolóxicos galegos medraron un 70% dende 2016 e posicionáronse en segundo lugar dentro do ránking de centros tecnolóxicos estatais.

Colaboración Xunta de Galicia-AtigaPatricia Argerey lembrou o papel clave que desenvolven os centros tecnolóxicos e de apoio á innovación na dinamización do ecosistema galego de I+D+i, en especial no impulso ao crecemento e a competitividade das pemes, motivo polo que a Xunta contempla unha serie de instrumentos para a transferencia dos resultados da investigación ao tecido industrial e ao mercado.

Entre estes instrumentos Argerey subliñou os contratos-programa para a consolidación dos centros tecnolóxicos, que teñen como finalidade financiar os gastos estruturais e de funcionamento; a liña de fortalecemento de centros tecnolóxicos que inclúe axudas para a adquisición de infraestruturas de investigación de alta calidade e de carácter aberto e compartido para mellorar a súa excelencia científica e as tarefas de transferencia; as Unidades Mixtas de Investigación, agrupacións entre un organismo de investigación e unha empresa para desenvolver un proxecto de I+D+i estratéxico para Galicia; o programa de Fábrica Intelixente que apoia grandes proxectos empresariais de I+D+i de carácter estratéxico para o tecido industrial galego en liña coas tendencias internacionais da fábrica do futuro; o apoio a proxectos de I+D+i en colaboración entre empresas a través do programa Conecta Peme; e as liñas de apoio á captación e retención de talento en Galicia, como os programas Principia e Talento Sénior, que fomentan a contratación de persoal destinado a tarefas de I+D+i.

Por último, a directora de Gain apuntou a recente sinatura dun convenio de colaboración con Atiga que fai especial fincapé na internacionalización da Alianza e que apoia a presenza da entidade en redes tecnolóxicas europeas e a formación conxunta do capital humano dos centros e actividades de promoción e difusión. Este acordo incide na importancia da colaboración e na aposta pola innovación aberta que achegue o coñecemento e as tecnoloxías desenvoltas polos centros tecnolóxicos ao mercado e que isto se traduza en crecemento económico e progreso.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre