Inicio Galicia A Xunta colabora con Cáritas e Cruz Vermella para achegar aos colectivos...

A Xunta colabora con Cáritas e Cruz Vermella para achegar aos colectivos máis vulnerables as axudas do bono social eléctrico

0

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinala que o obxectivo é “dar a maior información posible para que ningún fogar en Galicia que o precise se quede sen axuda”


O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, presentou hoxe con representantes de Cáritas e Cruz Vermella o novo protocolo de colaboración con estas entidades para achegar aos colectivos máis vulnerables os apoios para afrontar o pago da factura eléctrica. Tal e como apuntou Conde, o obxectivo é “ampliar o alcance do bono social e dar a maior información posible para que ningún fogar en Galicia que o precise quede sen a axuda”.

Así, esta colaboración busca que as familias que non poden afrontar o pagamento do seu recibo dispoñan de acompañamento e asesoramento en todo o proceso de tramitación das súas solicitudes, asegurando así que as medidas aprobadas polo Goberno central e pola Xunta cheguen a todos os posibles beneficiarios.

Na súa intervención, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria lembrou que Galicia foi a primeira comunidade en ofrecer axudas complementarias ao bono social do Estado, que supón unha bonificación de entre o 25% e o 40% no recibo da luz. Así, a Xunta tomou a iniciativa á hora de prestar unha especial protección aos consumidores en risco de exclusión social, cubrindo o 50% do pagamento da súa factura eléctrica e garantindo ao mesmo tempo que non van sufrir ningún corte no servizo. Tal e como explicou Conde, isto permite que estes consumidores poidan asumir o pagamento do 100% da factura, xa que outro 10% asúmeo o propio sistema eléctrico.

Leer más:  Formoso espera que Sánchez siga y acusa al PP de rebasar todas las líneas rojas

O apoio autonómico regúlase a través dunha orde de axudas coa que se cobre unha contía máxima de 250 euros ao ano, ou de 400 euros no caso das familias numerosas, que se complementa co protocolo de comercialización asinado coas principais comercializadoras. Estas comprométense a remitir á Xunta aquelas facturas pendentes de pagamento cando se trate de consumidores en risco de exclusión social, sen que haxa ningún tipo de corte na subministración.

Conde, que agradeceu a colaboración de Cáritas e Cruz Vermella, indicou que os usuarios tamén poden recibir asesoramento tanto a través do Instituto Galego do Consumo e da Competencia e nas xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Emprego e Industria como nos servizos sociais municipais e da Xunta, entre outros, sinalando que “se desprega toda unha rede de colaboración para facilitar en primeiro lugar a información e en segundo a tramitación”.  


- Te recomendamos -