Inicio Galicia A Xunta colabora coa primeira tradución ao galego da obra do escritor...

A Xunta colabora coa primeira tradución ao galego da obra do escritor escocés Douglas Dunn

0

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asistiu hoxe en Boiro á presentación de ‘Selected Poems / Poemas escollidos’

O prestixioso escritor escocés Douglas Dunn xa se pode ler en galego traducido pola boirense María D. Armental, que dá ao prelo a tradución da obra Selected Poems / Poemas escollidos, da man de HFD Editorial e da Asociación Cultural Barbantia coa colaboración da Consellería de Cultura e Turismo. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou no acto de presentación que acolleu a Casa da Cultura Ramón Martínez López do Concello de Boiro.

O representante da Xunta de Galicia, xunto a responsable da tradución, María D. Armental, e o escritor Maximino Pérez, destacou “a importancia deste libro, que vén reforzar os vínculos lingüísticos establecendo unha nova ponte para facer accesible desde a nosa lingua propia un dos autores máis prolíficos da literatura escocesa”. Felicitou á tradutora e animou á institución promotora a seguir traducindo ao galego obras senlleiras de recoñecidos autores contemporáneos en diferentes linguas.

Douglas Dunn (Escocia, 1942)É a primeira vez que se traduce ao galego un libro deste prestixioso escritor escocés, autor dunha prolixa e afamada obra non só poética, senón tamén contística e teatral. Como poeta, Douglas Dunn deuse a coñecer con Terry Street, poemario que publica, en 1969, cando só contaba con 26 anos e se acababa de graduar na Universidade de Hull. Cinco anos máis tarde, editaría Love or Nothing, polo que sería galardoado co premio Geoffrey Faber Memorial. Aínda que varios dos seus poemarios obterían premios importantes (Somerset Maugham Award ou Hawhornden Prize), o máis celebrado de todos eles será Elegies (1985), un libro cuxas composicións teñen por motor e inspiración a tráxica experiencia vivida polo autor como consecuencia da prematura morte da súa muller por mor dunha grave enfermidade. A partir de hoxe estará dispoñible en lingua galega unha parcela do rico universo poético de Douglas Dunn grazas ao traballo de tradución realizado pola profesora de lingua inglesa María D. Armental e ao apoio da Asociación Cultural Barbantia, que co acto de presentación de hoxe dá inicio ao seu programa de actividades despois de ter que suspendelo por causa da alerta sanitaria motivada pola covid-19.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre